torre de hercules  

A xuíza que instrúe a operación Pokemon, Pilar de Lara, tomou hoxe declaración a un ex-traballador da Torre de Hércules como testemuña e aceptou a súa comparecencia no caso como acusación particular.

O Xulgado de Instrución número un de Lugo acolleu esta mañá o encontro entre un antigo empregado da Torre, Óscar López Cernadas, que estaba citado como testemuña, pois denunciara o despedimento de varias persoas para colocar, presuntamente, a dedo traballadores afíns ao Partido Popular.

O secretario da Federación de Servizos do sindicato CIG, Adolfo Naya, explicou a EFE que López Cernadas estivo arredor de dúas horas ante a xuíza, que “quería saber se tiña cabida que comparecese ou non”.

Despois deste encontro “aceptou que el comparecese como prexudicado e acusación particular”, o que significa que “terá acceso a toda a documentación do caso”, polo que o seguinte paso é “estudar todo para ver onde están os puntos que poden prexudicar a Óscar”.

“Entendemos que hai unha trama para intentar enchufar uns traballadores próximos ao Partido Popular”, relata, pois a esa conclusión chega Vixilancia Aduaneira nun dos informes que se recollen no sumario.

López Cernadas foi traballador da Torre de Hércules a través de Sermasa, unha filial do Grupo Vendex que centra a trama da Pokemon, desde maio de 2010 ata que en 2012 o Concello “rescindiu os contratos de trece traballadores” para “realizar obras de mantemento”, algúns con dezaseis anos de antigüidade.

Segundo detallan desde o despacho de avogados Lex & Iuris, o Concello da Coruña decidiu “non subrogar os traballadores” que estaban entón no monumento, que é Patrimonio da Humanidade.

“O Consistorio acudiu á estratexia de abrir un concurso público ‘temporal’ para evitar así subrogar o cadro de persoal”, din e engaden que isto o esixía o convenio colectivo asinado de maneira previa.

Engaden que “a Torre permaneceu pechada ao público a pesar de que as obras, tan supostamente necesarias, continuaban sen realizarse”, coa “perda económica que supón para as arcas locais”.

Tras a posta en marcha da Pokemon e a súa peza separada na Coruña denominada Pikachu, que ten vinte imputados relacionados co Concello, confírmanse as incongruencias e estrañas circunstancias que rodearon o despedimento destes trece traballadores”.

“Poderían estar vinculadas ao interese de certos membros da corporación local por abundar nunha rede clientelar cementada na concesión a dedo ou por enchufe dun significativo número de postos de traballo nos ámbitos públicos xestionados en réxime de concesión por empresas pertencentes ao Grupo Vendex”, prosegue.

Na trama da operación Pokemon na Coruña hai diversos imputados, entre eles o tenente de alcalde, Julio Flores, por un presunto delito de tráfico de influencias ao mediar presuntamente co responsable en Galicia de Vendex, José María Tutor, para a contratación de terceiras persoas, segundo se desprende do sumario.

EFE.