Aberto o prazo de presentación de solicitudes para acollerse á Orde de Voluntariado Xuvenil que beneficiará 830 mozos e mozas

image_gallery (2)

 

O director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, informou hoxe de que xa está aberto o prazo de presentación de solicitudes para acollerse á Orde de Voluntariado Xuvenil, que este ano conta cun 13,5% máis de orzamento, ata acadar os 500.000 euros, e permitirá incorporar a 830 mozos e mozas a través de entidades e concellos.

Rodeiro participou no Encontro provincial de Voluntariado que acolleu a Escola Galega de Administración Pública, o segundo dos catro encontros provinciais no que participan dirixentes, técnicos e voluntarios de entidades e concellos. Na mesma analizouse a actualidade do terceiro sector en Galicia, como a redacción do decreto polo que se crea o Observatorio Galego de Acción Voluntaria, as ordes de axudas ou o deseño da Estratexia de acción Voluntaria 2015-2018.

O director xeral aproveitou o encontro para lembrar a publicación, o pasado venres 17 de abril no Diario Oficial de Galicia, da orde do 7 de abril de 2015 pola que se regulan as bases das subvencións para entidades de acción voluntaria e entidades locais enmarcadas no programa Servizo de Voluntariado Xuvenil e se procede á súa convocatoria para o ano 2015.

As axudas van dirixidas a entidades de acción voluntaria, concellos e mancomunidades de Galicia, así como tamén aos municipios que, pertencendo a unha mesma zona, acorden desenvolver programas conxuntos de actuación sen constituír unha mancomunidade.

A novidade máis importante desta liña de subvencións con respecto a de anteriores anos é o incremento no importe máximo das axudas para incentivar os proxectos conxuntos. Deste xeito, a orde sinala que as solicitudes individuais de concellos contarán cun importe máximo de 4.800 euros; mentres que si son dous os municipios, a axuda será de 12.000 euros.

O período subvencionable abranguerá desde o 1 de xaneiro ata o 15 de outubro de 2015. O prazo de presentación de solicitudes abarca ata o 18 de maio do presente ano. Os proxectos deberán incorporar a mozos e mozas de 16 a 30 anos que non teñan participado neste programa en outras edicións. En total, calcúlase que o número de voluntarios xuvenís que se incorporarán a estes proxectos é de 830.

As areas prioritarias, pero non exclusivas, para desenvolver estes programas son as actividades relacionadas co Camiño de Santiago, as de recuperación da cultura, arte e tradicións populares; actividades con colectivos en situación de risco, xuvenís ou relacionadas coa igualdade de xénero; así como a posta en marcha de programas de voluntariado no ámbito familiar.

Os participantes poden realizar o voluntariado un mínimo de 15 e un máximo de 60 xornadas de voluntariado, distribuídas segundo acorden coa entidade.

As axudas establecidas son de 6 euros por xornada e mozo en concepto de gastos de transporte e manutención e 4 euros por xornada e voluntario para as entidades que desenvolvan o proxecto en concepto de seguros e gastos de xestión.

Estas experiencias son incorporadas ao Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia na sección de Experiencias Voluntarias das persoas e reciben un certificado oficial da súa participación no programa.

También te podría gustar...