A Xunta salienta as vantaxes no acceso ás axudas para os concellos que apostan pola cooperación

O vicepresidente, Alfonso Rueda

 

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e a delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén Do Campo, visitaron hoxe as obras do parque infantil de “Pedra Mámoa”, que se realizaron ao abeiro dunha axuda da Orde de infraestruturas de uso público da Xunta á que Negreira accedeu xunto ao Concello da Baña.

Rueda, que estivo acompañado na visita polos alcaldes de ambos concellos, Juan José Rey e Andrés García, destacou que estas iniciativas benefician directamente os cidadáns e demostran as vantaxes da colaboración entre administracións. Neste caso concreto, a Xunta investiu máis de 43.000 euros para o financiamento deste parque e a actuación levada a cabo nas inmediacións do complexo deportivo.

O número dous da Xunta incidiu que estes dous concellos son un exemplo en cooperación, e así o teñen demostrado nestes últimos anos, xa que tamén teñen posto en marcha iniciativas conxuntas para aproveitar o Fondo de Compensación Ambiental xunto con Santa Comba e Val do Dubra.

Coa suma de esforzos os concellos galegos logran ser máis eficientes, evitan duplicidades, ofrecen un mellor servizo aos veciños e teñen máis opcións de acceder ás axudas da Xunta, que mantén a máxima de dar prioridade nelas aos concellos que apostan pola cooperación e pola prestación conxunta de servizos.