A Xunta investiu neste ano máis de cinco millóns de euros en comercializar os nosos viños no exterior
A Xunta fixo durante o último exercicio un investimento de máis de cinco millóns e medio de euros para á mellora da comercialización dos nosos viños. O obxectivo non é outro que a promoción nacional e internacional dos viños galegos, en especial das Denominacións de Orixe de Galicia. Así o salientou a conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, durante a entrega de Premios D.O. Ribeiro 2015.
Para a titular de Medio Rural e Mar, “a Xunta de Galicia non pode menos que prestar o seu incondicional apoio” e, para asegurar que esta relación perdure no tempo, anunciou a intención do Executivo de seguir apoiando accións en materia de formación, funcionamento e programas de control. Neste sentido, a axuda aportada “pode ser clave para a apertura de novos mercados no exterior e iniciar un camiño sen retorno na expansión dos nosos produtos polo mundo”.
Tendo en conta que un dos obxectivos prioritarios da colaboración entre as empresas vinícolas e a Consellería é a internacionalización da produción, o dato citado por Rosa Quintana dun incremento das exportacións da D.O. Ribeiro próximo ao 350% durante a última década pode considerarse un éxito. Esta cifra está en sintonía cos máis de 18,3 millóns de euros que esta denominación facturou ao longo da pasada campaña.