A Xunta entrega 41 vehículos de Protección Civil para reforzar os servizos de emerxencias municipais das catro provincias

image_gallery (1)O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, fixo entrega eonte á mañá de 41 vehículos para Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil das catro provincias galegas, froito dunha convocatoria de axudas destinada a reforzas os servizos de emerxencias en Galicia.

O acto tivo lugar na Cidade da Cultura e contou coa presenza de decenas de alcaldes e concelleiros, así como dos delegados territoriais da Xunta na Coruña, Pontevedra e Ourense e do director xeral de Emerxencias Interior, Luis Menor. Os vehículos cedidos aos distintos municipios son furgóns Renault Trafic Combi9 Energy DCI de 120 CV.

Rueda aproveitou o acto para enxalzar o traballo diario das asociacións de Protección Civil galegas e destacou o compromiso da Xunta con todas elas, dotándoas dos medios necesarios para que poidan ser máis efectivas e eficaces na súa resposta ante as emerxencias.

Así, ademais de apostar decididamente pola súa formación dentro da Academia Galega de Seguridade Pública, organismo dependente da Vicepresidencia; este ano o departamento dirixido por Rueda convocou axudas para dotar ás Agrupacións de Voluntarios de mellores medios materiais.

Para este fin, destináronse máis de catro millóns de euros para reforzar ás agrupacións de Protección Civil con estes 41 furgóns, aos que se sumarán proximamente outros tantos todoterreos, 60 remolques, 30 esparexadores de sal e 16 embarcacións pneumáticas de salvamento e rescate.

O vicepresidente explicou que a distribución destes medios fíxose “onde máis se precisaba”, seguindo criterios obxectivos e primando, por exemplo, aos concellos con maior número de actuacións e voluntarios, o risco potencial de emerxencias e a distancia con outros servizos de emerxencias coma bombeiros ou GES.

En definitiva, tratase dun exemplo máis da frutífera colaboración entre Administracións, que sempre defende a Xunta de Galicia, en especial cando se trata dun eido tan sensible e importante como é o das emerxencias e a seguridade cidadá.

“Colaborando entre Administracións somos máis eficaces e máis eficientes”, afirmou Rueda, que destacou outros exemplos de cooperación como os bombeiros comarcais, os GES ou os Policías Locais, aos que se lle acaban de entregar tamén preto de cincuenta novos vehículos para patrullar os seus respectivos concellos.