SONY DSC

A maxia do circo invadiu onte a tarde a fortaleza de Monterrei na segunda xornada do programa ‘Vive o Castelo’, promovido por Turismo de Galicia.

Unha tarde máis de xoves este programa de actividades lúdico-culturais dinamizou a contorna do castelo e ofreceu a turistas e veciños unha nova maneira de desfrutar deste ben de interese cultural e público.

A celebración da ‘Gala de Circo no Castelo’ na que participaron tres compañías de circo e unha banda de música ao vivo foi todo un éxito.

Numerosos visitantes achegáronse á fortaleza para descubrir este espectáculo único no que puideron, durante máis de cen minutos, divertirse co ‘Mago Teto’, o ‘Circo Chosco’, o grupo de galopíns musicais ‘A Magnifique Bande dos Homes sen Medo’ e a compañía ‘Os sete magníficos máis un’.

Luís Iglesia foi o condutor desta gala que combinou a participación do público, a variedade de técnicas artísticas, as espectaculares acrobacias, o encanto da música en directo e toda a maxia e ilusión do circo.

Ademais, esta segunda xornada de ‘Vive o Castelo’ incluíu tamén dúas visitas guiadas teatralizadas nas que a cidadanía puido visitar dun xeito lúdico e divertido tanto o conxunto histórico como os espazos exteriores deste ben de interese cultural e público.

Próximas actividades
No mes de agosto continúan as actividades no castelo de Monterrei que encherán de música a fortaleza coas actuacións de Emilio Rúa, Uxía e Narf.

A programación tamén inclúe unha xornada máxica na que as persoas que visiten a fortaleza poderán descubrir os seus recantos a través dos contos e da música a través de ‘Castelo de contos’, que englobará as actuacións de ‘Os quisquilláns’ e ‘Daboapipa’, así como a do músico e actor Paco Nogueiras.

A programación de ‘Vive o castelo’ rematará con outra edición de ‘Música no castelo’, que nesta ocasión contará coas actuación de Guadi Galego e ‘Guezos’.

Visitas guiadas
Por outra banda, Turismo de Galicia prestará o servizo de guías turísticas e atención ao público no Castelo de Monterrei todos os días da semana.

Deste xeito, todo aquel veciño ou turista que lle interese realizar unha visita guiada á fortaleza poderá facelo calquera día.

O horario das visitas no verán será de mércores a domingo de 13:30 a 17:00 horas e os luns e martes de 10:30 a 20:00 horas e a duración das mesmas de 50 minutos.