A FEMP defende as deputacións

  • A FEMP sae en defensa das deputacións, como propuxo Manuel Baltar
  • A Xunta de Goberno acordou hoxe «impulsar unha administración intermedia, as deputacións provinciais, máis moderna, que se adapte ás necesidades da sociedade actual, redefinindo o papel e estrutura das deputacións provinciais de réxime común, para prestar servizos con maior eficacia e garantía de calidade aos concellos de menos de 20.000 habitantes»
Manuel Baltar, con Abel Caballero, presidente da FEMP, e Javier Moliner, presidente da Deputación de Castellón

Manuel Baltar, con Abel Caballero, presidente da FEMP, e Javier Moliner, presidente da Deputación de Castellón

 

A Xunta de Goberno da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) aprobou hoxe un documento no que acorda «impulsar unha administración intermedia, as deputacións provinciais, máis moderna, que se adapte ás necesidades da sociedade actual, redefinindo o papel e estrutura das deputacións provinciais de réxime común, para prestar servizos con maior eficacia e garantía de calidade aos concellos de menos de 20.000 habitantes».

O acordo da Xunta de Goberno da FEMP sinala que os gobernos provinciais «desenvolverán ás súas competencias prestadoras de servizos con maior eficiencia e sempre con criterios de máxima transparencia, racionalidade e democracia participativa». «Pretendemos con elo –destaca o acordo da FEMP- garantir á cidadanía o acceso aos servizos públicos de calidade, independentemente do seu lugar de residencia».

Na reunión, os membros da Xunta de Goberno da FEMP falaron, como defende Manuel Baltar, dunha visión integral de provincia, da fusión de servicios, da posta en marcha de cartas de servizos, e, en xeral, «de seguir modernizando os gobernos provinciais para adaptalos á realidade actual de inmediatez e proactividade cos cidadáns», explicou Manuel Baltar, quen agradeceu e se congratulou do pronunciamento de hoxe da FEMP.

Baltar, membro da Xunta de Goberno FEMP, afirmaba no seu escrito que o acordo de goberno subscrito o pasado 24 de febreiro entre o PSOE e Ciudadanos, no que se acordaba a «supresión das deputacións provinciais de réxime común», «supón un gravísimo ataque á autonomía provincial e aos seus órganos de gobernos recoñecidos pola nosa Constitución».

Manuel Baltar, que é partidario de reformar o réxime electoral para que se elixan en urna aos membros da corporación provincial, «cuestión que defendo dende sempre –afirma-, como tamén a reforma do financiamento», destaca que as deputacións provinciais «son institucións constitucionais que foron co-protagonistas, como gobernos locais intermedios da mellora xeral dos nosos pobos e cidades», e engade: «Cumpren cunha labor de coordinación territorial, de auxilio aos pequenos e medianos municipios, de prestación de servizos de primeira necesidade e proximidade que non poderían proporcionar moitos municipios por si solos, de impulso de actuacións complementarias en temas de competencia municipal, mellorando a xestión local».

Neste sentido, considera Baltar que as deputacións xogan un papel esencial na xeración de economías de escala, «contribuíndo ao abaratamento dos custes e producindo un efecto multiplicador sobre os recursos». Provincias e municipios, Concellos e Deputacións, integran unha mesma comunidade política local e comparten uns mesmos intereses, sen relación xerárquica senón de paridade institucional».

Baltar entende que os gobernos provinciais «son imprescindibles para dar cumprimento ao artigo 139 da Constitución, que garante que «todos os españois teñen os mesmos dereitos e obrigas en calquera parte do territorio do estado». «A supresión dos órganos provinciais -afirma- convertería en cidadáns de segunda división a millóns de españois que viven no medio rural, na súa maioría en pequenos pobos, aos que non se lles poden negar os mesmos dereitos, oportunidades e obrigas que ao resto de cidadáns».

A FEMP dende a súa fundación, «tivo como unha das súas máximas o apoio aos pequenos municipios, e exemplo da importancia que para a federación teñen os mesmos, é a recente creación, nesta lexislatura, dunha nova Comisión de Despoboamento», entende Manuel Baltar.

Por todo elo, o presidente da Deputación de Ourense pedía no seu escrito que a FEMP reivindique o valor institucional das deputacións, cabildos e consellos Insulares, como gobernos que cumpren a misión de cooperar na vertebración territorial e de velar pola igualdade e acceso de todos os cidadáns aos servizos necesarios; e que a FEMP esixa ao futuro Goberno da nación «que respecte estas institucións para non castigar aos millóns de españois que, baixo o seu amparo, conviven en municipios rurais». Finalmente, Manuel Baltar pídelle á FEMP valorar que o presente inmediato dos gobernos provinciais «non pasa pola súa eliminación senón por alcanzar, xunto cos concellos, o obxectivo de dotarse dunhas administracións modernas e eficaces ao servizo dos cidadáns, nas que non se solapen competencias, e que conten co mesmo nivel de calidade e autosuficiencia das demais Administracións do Estado».

 

También te podría gustar...