A fase clasificatoria do V Circuíto de Golf Sénior Turismo de Galicia remata coa participación de 431 golfistas
A fase clasificatoria do V Circuíto de Golf Sénior Turismo de Galicia, organizado por este departamento da Xunta co obxectivo de fomentar a práctica deste deporte entre este segmento de poboación nas instalacións galegas, pechou este mes de xullo a súa fase clasificatoria coa participación de 431 golfistas de cinco comunidades autónomas distintas
O campo de golf de La Barganiza, en Asturias, acolleu a última proba clasificatoria deste torneo na que participaron 104 golfistas asturianos. Previamente, o V Circuíto de Golf Sénior Turismo de Galicia xa se celebrara nos campos de Ulzama (Navarra),o Real Club de Golf San Sebastián, Jaizkibel, (País Vasco), o Real Club de Golf La Herrería (Madrid), o Club de Golf de Pedreña (Cantabria), coa participación de 95, 60, 75 e 97 golfistas, respectivamente.
Turismo de Galicia estableceu este ano catro premios nas categorías mastersénior, damas, handicap e scratch en cada unha das probas clasificatorias, de xeito que os catro gañadores en cada campo se enfrontarán na fase final que se celebrará entre os días 6 e 9 de outubro no campo OCA Augas Santas Balneario & Golf Resort de Pantón.
Este torneo, no que participan homes de máis de 55 anos e mulleres de máis de 50, celébrase por quinto ano consecutivo e xa contou coa participación de máis de 2.200 golfistas ao longo dos seus cinco anos de historia.