A economía galega creceu un 0,6% no segundo trimestre e medra xa a un ritmo anual do 1,8%, a súa mellor evolución dende 2008

alberto nunez feijoo preside a reunion do consello da xuntaO Produto Interior Bruto (PIB) de Galicia medrou un 0,6% no segundo trimestre do ano, de forma que a economía galega xa está a crecer a unha taxa interanual do 1,8%, o que supón o mellor comportamento do PIB autonómico dende 2008. Así o reflicten os datos de contabilidade trimestral publicados hoxe polo Instituto Galego de Estatística (IGE).

O PIB galego rexistrou no segundo trimestre do ano un crecemento trimestral do 0,6%, superior nunha décima ao do período anterior. É o mellor comportamento trimestral da economía galega dende 2007, e confirma que se está a producir unha aceleración no crecemento da economía galega.

Ao mesmo tempo, o PIB autonómico acadou xa no segundo trimestre un crecemento do 1,8% respecto ao mesmo trimestre do ano anterior, cinco décimas máis que no primeiro trimestre. Trátase da mellor evolución da economía galega dende 2008 e ratifica que se está a producir nos últimos trimestres unha aceleración no seu crecemento.

Medran todos os sectores
Todos os sectores da economía galega rexistraron taxas positivas de crecemento no segundo trimestre. É especialmente salientable o comportamento do sector industrial, que recupera taxas positivas logo de varios trimestres ao acadar un crecemento interanual do 2,2%, aínda que na industria manufactureira o crecemento foi aínda maior, do 4,3%.

Nos datos de contabilidade trimestral destaca o bo comportamento das exportacións, que medran un 4% en taxa interanual, 2,6 puntos máis que no primeiro trimestre.

Pola súa banda, o consumo dos fogares galegos volveu rexistrar unha evolución positiva e mantense en taxas superiores ao 2%, mentres que a formación bruta de capital creceu un 7,2% respecto ao mesmo trimestre do ano anterior.

Ademais, a melloría no mercado laboral en Galicia ten efecto tamén nos postos de traballo equivalentes a tempo completo, un indicador que medrou un 1,2% en taxa interanual e xa encadea catro trimestres consecutivos en positivo.

 

También te podría gustar...