Sorteo dos membros para os tribunais da oferta de emprego de 2013.

 

O vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández, presidiu hoxe o sorteo para elixir aos membros que conformarán os tribunais dos procesos selectivos para a provisión das prazas incluídas na oferta de emprego público da Deputación de Ourense correspondente ao exercicio 2013. No sorteo, que foi retransmitido por primeira vez en directo a través de Internet, elixíronse os presidentes e vogais que integrarán os tribunais para unha praza de técnico especialista en xestión orzamentaria e contable e dúas prazas de promoción interna de administrativo de administración xeral.

Esta iniciativa –contemplada na Ordenanza de Contratación da Deputación- forma parte da estratexia de transparencia na xestión da institución provincial para facer partícipe á cidadanía de todas as accións e proxectos que leva a cabo. Precisamente a Deputación de Ourense foi o primeiro goberno provincial de España en contar cunha ordenanza de Transparencia (aprobada polo pleno en xuño de 2014), que ten como obxectivo ordenar administrativa e xurídicamente no ámbito da institución provincial aspectos como a publicidade activa da información e o dereito á información pública e a súa reutilización.

De conformidade co establecido na Ordenanza reguladora dos procedementos de selección de persoal funcionario interino e laboral temporal da Deputación de Ourense a composición do tribunal que xulgará as probas selectivas debe levarse a cabo por sorteo entre funcionarios e persoal laboral fixo das categorías profesionais que determinen as bases da convocatoria, debendo elixirse a presidencia e dúas vogalías entre empregados públicos da propia Deputación e os dous vogais restantes entre empregados públicos doutras administración públicas galegas (pertencentes á Xunta de Galicia, á administración periférica da Administración Xeral do Estado, ás universidades públicas galegas e ás restantes deputacións provinciais, así como entre funcionarios de administración local con habilitación de carácter nacional que desempeñen os seus postos de traballo en entidades locais de Galicia). Para estes efectos, a ordenanza prevé a formación dunha lista de empregados públicos das administracións sinaladas, susceptibles de seren elixidos como membros dos tribunais da Deputación.

Para elo, o 5 de setembro de 2014, a Presidencia da Deputación Provincial solicitou aos órganos directivos das amentadas administracións públicas, así como á Dirección Xeral de Administración Local no relativo aos funcionarios de administración local con habilitación nacional, sen que, ao día da data, se recibise resposta afirmativa de ningún deles. A este respecto, a Ordenanza establece que “se no prazo dun mes desde que a Deputación lles solicitase a remisión da lista de posibles candidatos para seren membros dos tribunais algunha das administración sinaladas non a remitise, o presidente formará a dita lista unicamente coas relacións recibidas no dito prazo. En caso de que no citado prazo ningunha delas as remitise, a Deputación procederá á elección dos dous vogais mediante sorteo entre os seus propios empregados públicos.

Desta maneira, unha vez realizado o sorteo para elixir aos membros do tribunal para a praza de técnico especialista en xestión orzamentaria e contable resultou elixida presidenta Cristina Fernández Rodríguez, e vogais: Mónica Legaspi Díaz, Marta Mouriño Vázquez, José Antonio González Cid e Gonzalo Dobarro Peña. Para as dúas prazas de administrativo de administración xeral, o presidente do tribunal será Gerardo Martínez Álvarez e os vogais: María Faustina Álvarez Fernández, Rosa María Valladares Caride, José Benito Muinelo Mouriz e José Antonio Blanco Pérez.