Granxa Armariz

 

Como xa avanzábamos o pasado lúns, o presidente da Deputación de Ourense,  Manuel Baltar e maís o xerente do Inorde, José Manuel Rodríguez, estiveron ontes presentes na Granxa de Armariz, unhas instalacións gandeiras propiedade do ente provincial situadas no Concello de Nogueira de Ramuín, que van convertirse no primeiro parque temático das razas autóctonas galegas. “Será un centro de formación, ocio e divulgación de referencia para coñecer a historia, a evolución e os avances xenéticos das razas de vacún, porco celta, ovella galega e cabra galega, único na nosa Comunidade Autónoma”, explicou o presidente do goberno provincial, Manuel Baltar, na visita que realizou ás instalacións para presentar o proxecto de rehabilitación.

Enmarcado no Plan OURENSE 92, a Deputación de Ourense investirá un total de 1,2 millóns de euros neste proxecto que verá a luz no ano 2016 e que consiste na recuperación dunha antiga reitoral do século XVIII, situada nunha contorna de 10 hectáreas de terreo no corazón mesmo da Ribeira Sacra, dentro dun espazo natural de grande valor patrimonial e natural.

Esta actuación vai dirixida especialmente, segundo explicaron o propio Manuel Baltar e o xerente do Inorde, José Manuel Rodríguez, a nenos e rapaces, familias, grupos de escolares, gandeiros e investigadores, para combinar os aspectos lúdicos e divulgativos cos de interacción coa natureza e tamén o ámbito da investigación. inclúe a construción dun albergue, un parque infantil e de ocio, unha horta ecolóxica e un arboreto –que abranguerá as diferentes especies arbóreas de Galicia-, áreas para animais de razas autóctonas –nas que se poderá contemplar o desenvolvemento do seu ciclo vital-, colmeas e unha ampla zona para a realización de obradoiros relacionados coas actividades propias dunha granxa, como preparación de produtos de horta, extracción e envasado de mel, reciclaxe de lixo, elaboración do compost e preparación de queixos. Ademais o centro contará con aulas formativas en temáticas da natureza, comedores e actividades de campamento.

Manuel Baltar considera que a recuperación da Granxa Escola de Armariz “supón a posta en valor dun patrimonio cultural e xenético, convertendo estas instalacións nun gran centro educativo enfocado ao futuro da provincia, en concreto para os rapaces e rapazas da provincia de Ourense e do resto de Galicia, que terán a oportunidade de coñecer aquí as peculiaridades das razas autóctonas galegas, nas que o Inorde leva realizando unha excelente labor a prol da súa conservación”.

A Granxa Escola de Armariz conta con máis de 250 cabezas de gando de razas autóctonas e é única en Galicia nas súas características, unhas instalacións que serven tamén para revalorizar o traballo que a Deputación de Ourense desenvolve no ámbito da agrogandería a través do Inorde.