A Consellería, a través da Dirección Xeral de Educación, recibe de man de Expourense o premio «Líderes en calidade» no eido educativo Vázquez Abad anunciou durante a clausura da Xornada de exaltación

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, clausurou este mediodía no recinto feiral ourensán a Xornada de exaltación da Calidade

 

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, clausurou este mediodía no recinto feiral ourensán a Xornada de exaltación da Calidade que, co gallo da celebración do Día Mundial da Calidade, celebra Expourense. Na súa intervención, o titular de Educación anunciou que xa comezou o proceso de certificación de dúas novas redes educativas, “unha que agrupará aos sete conservatorios profesionais de música e ao Conservatorio Superior de Danza dos que é titular a Consellería e unha segunda rede que acolle ás catro escolas de arte e superior de deseño.” “E axiña lles tocará a quenda ás Escolas Oficiais de Idiomas.”, dixo Vázquez Abad. O conselleiro estivo acompañado no acto polo director xeral de Educación, Manuel Corredoira, e polo delegado territorial da Xunta, Rogelio Martínez.

Esta Xornada incluíu, entre outras actividades, a entrega dos Premios “Líderes en Calidade” a empresas e institucións galegas recoñecidas por ser un modelo a seguir nos seus respectivos sectores. Concretamente, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través da Dirección Xeral de Educación Formación Profesional e Innovación Educativa, vén de recibir o Premio Líderes en Calidade no ámbito formativo/educativo.

No seu discurso, Vázquez Abad agradeceu a Expourense o outorgamento dun premio “que recoñece a traxectoria en prol da calidade”, e explicou que entendía este galardón “como un pulo ao esforzo da Consellería que dirixo, que busca garantir que se cumpran os requisitos para levar a cabo unha actividade, na procura da mellora continua.”

“Con esa arela –explicou o conselleiro–, empezamos certificando a xestión, a través da propia dirección xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa. Acadamos despois a certificación das redes, como a Rede de Formación do Profesorado –na que se inclúen o Centro Autonómico de Formación e Innovación (CAFI) e os 7 CFR–; a Rede de Centros Integrados de FP, con 19 centros; así como a rede de centros certificados, que conta con 11 centros con certificación individual.”

Vázquez Abad concluíu a súa intervención expoñendo que a calidade supón “un compromiso coa cidadanía, un xeito de render contas con dúas finalidades principais: dunha banda a que se refire á transparencia e, doutra, a que atinxe á racionalización do uso dos recursos, tomando decisións tendo en conta o seu impacto social.”

También te podría gustar...