A Xunta apoia investimentos por máis de 7 millóns para impulsar a competitividade do tecido comercial en 107 concellos galegos

alberto nunez feijoo preside a reunion do consello da xuntaA Consellería de Economía e Industria, que ten no impulso ao sector comercial un dos seus principais eixos de actuación, vén de conceder apoios por máis de 5 millóns de euros que posibilitarán realizar investimentos que superan os 7 millóns nun total de 107 municipios galegos co obxectivo de impulsar a competitividade do tecido comercial local.

Por unha banda, 84 concellos recibirán axudas por 3,3 millóns coas que realizarán melloras nas infraestruturas comerciais que suporán un investimento conxunto de 4,8 millóns, dos cales preto do 70% se destinarán ás prazas de abastos e a súa contorna, mentres que o 30% do investimento restante corresponderá aos espazos nos que se celebran os mercados tradicionais e ambulantes.

Os concellos que realicen melloras nas prazas deberán poñer en marcha iniciativas dirixidas ao mentoring comercial para os praceiros, encamiñadas a aumentar a rendibilidade do punto de venda mediante técnicas de visual merchandising, a colocación do produto ou a atención ao cliente. Como novidade este ano, primáronse as iniciativas que inclúen a apertura dos mercados en horario de tarde ou a incorporación de aparcadoiros.

Por outro lado, no eido do impulso ao asociacionismo comercial, véñense de resolver tamén apoios a 48 centros comerciais abertos e 23 asociacións de praceiros por un total de 1,8 millóns de euros. Con estas axudas, coas que se respalda o importante labor que desenvolven ao longo do ano, poñerán en marcha preto de 500 actuacións como campañas de dinamización comercial, sistemas de fidelización ou melloras da sinalización comercial externa e mellora da competitividade; e nas prazas de abastos, actuacións en instalacións e equipamentos. En total, investirán 2,6 millóns de euros en iniciativas que teñen como obxectivo atraer clientela ao comercio de proximidade e mellorar os servizos que se ofrecen aos consumidores.
O impulso ao sector comercial é unha prioridade para a Xunta, que ten en marcha o novo Plan estratéxico de impulso ao Comercio de Galicia. Esta folla de ruta destinará 70 millóns de euros ata 2020 a modernizar e incrementar a competitividade do comercio de proximidade galego, con 55 accións específicas articuladas arredor de tres grandes retos: afianzar un sector comercial renovado; impulsar o smart commerce e o comercio electrónico; e potenciar o comercio excelente, traballando na dinamización e a mellora continua.