76 bolseiros comezaron as súas prácticas no ámbito do sector agrario

xunta de galiciaA Xunta indicou hoxe que 76 bolseiros comezaron as súas prácticas no ámbito do sector agrario.

A Consellería do Medio Rural e do Mar concedeu estas bolsas de prácticas, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo (FSE), coa finalidade de mellorar o perfil profesional dos bolseiros cunha formación práctica que se desenvolverá en diversas entidades relacionadas cos sectores agroforestal e agroalimentario.

As persoas beneficiarias destas bolsas foron tanto persoas tituladas universitarias nas distintas especialidades agroforestais ou veterinarias, como alumnos/as ou persoas tituladas dos ciclos formativos de grao medio ou de grao superior da familia profesional agraria.

Estas bolsas de formación e prácticas están distribuídas da seguinte maneira: 16 bolsas para a formación de tecnólogos; 16 bolsas para a formación de persoal de apoio á investigación e 16 bolsas para estudantes do 1º e 2º curso ou recentemente titulados en ciclos formativos da familia profesional agraria. As 28 bolsas restantes son para recén titulados/as en enxeñerías relacionadas co sector.

As bolsas teñen unha duración de entre tres e catro meses, segundo a modalidade da axuda, e desenvolveranse ao longo do terceiro cuadrimestre de 2014. As contías económicas destinadas para estas actuacións formativas, segundo se estipula na orde de convocatoria, terán importes económicos que oscilan entre os 600 e os 1.000 euros por cada mes de prácticas, variando en función da modalidade das bolsas. As persoas beneficiarias das bolsas integraranse no Réxime Xeral da Seguridade Social.

También te podría gustar...