Delegado Territorial de la Xunta visita Oca Nova ManzanedaOs profesionais do servizo Quérote+ da Consellería de Traballo e Benestar impartiron este curso académico 2014/2015 un total de 636 obradoiros en 152 centros de ensino, para preto de 16.000 mozos e mozas de entre 14 e 16 anos. Os obradoiros foron de 100 minutos de duración e as temáticas as seguintes: convivencia e relacións sociais; prevención do consumo de alcol; usos responsable das TICs; imaxe corporal e autoestima; e sexualidade e afectividade.

Segundo explicou a directora xeral de Xuventude e Voluntariado, Cecilia Vázquez, no obradoiro de convivencia e relacións sociais os obxectivos foron impulsar valores como a diversidade como fonte de riqueza para a comunidade; ou impulsar o diálogo como alternativa a outras respostas menos construtivas ante os conflitos.

No obradoiro de prevención do consumo de alcol traballouse cos mozos e mozas para analizar as situacións nas que adoita estar presente o alcol, impulsar e promover a análise crítica da información e mensaxe recibidas sobre o alcol e o seu consumo, e promover hábitos de vida saudables.

Pola súa banda, no de uso responsable das TICs, o traballo dos técnicos de Quérote+ co alumnado estivo enfocado a destacar as súas potencialidades fronte aos riscos dun mal uso, promover un manexo axeitado dos datos persoais na rede, incentivar o uso responsable das redes sociais, identificar e diferenciar as prácticas seguras no uso das novas tecnoloxías, e favorecer a convivencia respetuosa e harmónica e previr as situacións de ciberbullying e acoso na rede.

No obradoiro de imaxe e autoestima traballouse cos mozos e mozas para poñer en valor a diversidade corporal; tomar conciencia da propia imaxe e favorecer a súa aceptación; promover o fomento da autoestima máis aló do físico e a imaxe; desenvolver o sentido crítico ante os valores estéticos imperantes; e tomar conciencia dos hábitos saudables e non saudables empregados ante diferentes situacións.

O de afectividade e sexualidade centrouse no desmantelamento de mitos, estereotipos e falsas crenzas presentes na sexualidade, en especial na erótica e na amatoria; favorecer a autonomía reflexiva e construtiva da mocidade na construción da súa propia identidade; estimular a valoración crítica dos mozos e mozas no acceso e análise da información sobre sexualidade; e favorecer a adquisición de habilidades comunicativas e de relacións asertivas.

Nestas accións formativas, os mozos e mozas descobren as posibilidades que lles ofrece o servizo anónimo, confidencial e gratuíto que pon a súa disposición o departamento autonómico.

A intervención dos técnicos do servizo Quérote + realízase tanto a nivel individual como grupal. De maneira individual, a través de consultas dos usuarios, de xeito presencial nas oficinas deste servizo, por medio de chamadas telefónicas ou preguntas on line. De maneira grupal, mediante accións formativas, a través das mesas informativas, da participación en congresos e eventos de interese para a mocidade e dos programas de mediación xuvenil.