Cómpre antes de principiar neste limiar co relatorio salientar que – por mor de achegarse á problemática da coincineración – se precisa facer unha cronoloxía dos feitos, o que nos levará a distribuílos en varios artigos. Deste xeito, neste enceto sinxelamente referirémonos exclusivamente aos anos 2007/2008, nos que só se amosou unha certa intencionalidade pola banda da empresa de queimar uns residuos tóxicos e nocivos (amparándose no que se vén a chamar “valorización”).

Alertabamos no remate do ano 2007 que, segundo as informacións das que tiñamos coñecemento, Cosmos estaba a piques de incinerar na súa planta de Toural dos Vaos rodas de automóbeis e mais plásticos. A xustificación era a optimización e rendibilidade dos investimentos na produción de cemento.

COSMOS

Nós, ao contrario, estimabamos que a mentada práctica conlevaba un grande risco, pois a cantidade de produtos tóxicos que contaminarían a atmosfera era incalculable.

cosmos_contaminacion

Ademais, a pretensión sería negativa para o turismo que acudía á praia fluvial da localidade do Bierzo Oeste.

Engadiamos, neste senso, aínda máis: “logo de ter cumpridos e axeitados todos os trámites administrativos, dispoñíase a levar a termo no Bierzo o mesmo proceso de incineración que lle foi negado polo Concello de Córdoba e tamén polo de Sarria (Oural)”.

procesoelaboraciondelceao0

Noutro canto, Ecoloxistas en Acción – no eido da súa campaña nacional contra a incineración – remitiu daquela cartas aos Rexedores e Xuntas Veciñais da contorna, pedindo o seu posicionamento fronte ao proxecto recén adoptado. Tratábase de impedir a aprobación da concesión da Autorización Ambiental Integrada (A. A. I.), solicitada perante a Consellería correspondente da Xunta de C. e L.

manifestacion cosmos

Ao respecto das consecuencias da incineración dos residuos a empregar diciamos que “Estes – biomasa, plásticos, neumáticos, fariñas e as denominadas graxas animais, os lodos das depuradoras e outros refugallos – xeran unha medra importante de axentes contaminantes no aire, nomeadamente metais pesados, partículas diversas, hidrocarburos aromáticos policíclicos, dioxinas e furanos.”

E, incluso, veríanse afectados os empregados da factoría e a repercusión nos sectores produtivos da agricultura, gandería e mailo turismo prevíase inmensa.

bierzo2

Os Colectivos conservacionistas e defensores da natureza axiña se puxeron a traballar co fin de axuntar forzas. E así, en novembro do 2008, Bierzo Aire Limpo convocou unha mobilización que constituiría o xermolo de concienciación da sociedade berciana.

Por volta de 2.000 personas manifestáronse entón en Ponferrada, a pesar de que a climatoloxía non acompañou nun sábado mollado. No comunicado conxunto que publicaron os medios de comunicación felicitábanse os convocantes da resposta popular na manifestación, cualificándoa de éxito.

bierzo natura

Asemade, reclamábase textualmente: “Agardamos que o éxito obtido serva para que quen estivera ollando para outro lado deixe de facelo. Afeamos ás autoridades que nin tan só se ofreceron a nos recibir, e en canto expoñentes deste xesto ou actitude temos que personalizar: o Presidente do P. P. no Bierzo, o Rexedor de Ponferrada, o ata de agora Secretario Comarcal do P. S. O. E. e Alcalde de Camponaraia, os representantes da Xunta de C. e L. e, ante todo, o Presidente do Consello do Bierzo e o Rexedor de Toural dos Vaos – Pedro Fernández – a quen lle lembramos as súas declaracións do 2001, nas que rexeitaba a queima das fariñas animais no seu termo municipal”.

CONSTITUCION BIERZO LIMPIO

Marcelino B. Taboada