Guillermo Lago, Manuel Baltar e Iván Corral

 

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, acompañado do alcalde da Gudiña, Guillermo Lago; do presidente da Federación Galega de Automobilismo, Iván Corral; do asesor de Deportes da Deputación, Bernardino González, e de representantes da Escudería HCC-Competición, presentou hoxe na Sala de Xuntas do Pazo Provincial o 2º Rally Mix da Gudiña, unha proba automobilística que terá lugar os vindeiros 9 e 10 de maio e na que se prevé a participación de máis de 70 pilotos.

Manuel Baltar destacou a longa tradición que ten a provincia de Ourense no mundo do motor, e sinaladamente á Gudiña “onde xa se celebrou con gran éxito o Rally Mix na súa primeira convocatoria, convertendo a esta contorna nun punto de encontro desta modalidade deportiva, concitando o interese de afeccionados ao mundo do motor”. O presidente do goberno provincial agradeceu ao Concello da Gudiña e aos co-organizadores do rally –a escudería HCC-Competición, xunto coa Deputación de Ourense- o esforzo que realizan para a planificación e desenvolvemento da proba, e tamén á Federación Galega de Automobilismo polo seu apoio a este evento deportivo.

Esta competición, que se corre en asfalto e terra, que ten a súa orixe en Irlanda, está a consolidarse dentro do panorama de rallys de Galicia e do nacional, segundo explicou Guillermo Lago, quen destacou que este evento “permite promocionar a natureza, gastronomía e o turismo da contorna da Gudiña”.

Os tramos polos que discorrerá a proba abranguen en total 11 quilómetros de terra e asfalto, nun concello que segundo dixo Iván Corral “é pioneiro en rallys de terra, o cal é de agradecer porque así estamos a fomentar o deporte de base nesta modalidade”. Corral agradeceu tamén a aposta decidida da Deputación de Ourense á que cualificou como “unha referencia para outras administracións no que se refire ao apoio que brinda ao mundo do motor”.