• Beatriz Mato compromete un orzamento de 600.000 euros para mellorar o saneamento dos núcleos de Ourense
  • A conselleira de Medio Ambiente e o alcalde da cidade das Burgas mantiveron un encontro no que analizaron proxectos de interese para a cidade
  • Destaca a colaboración entre as administracións para a posta en marcha da nova depuradora de Ourense, unha obra importante, non só polo seu investimento, senón tamén porque incrementa nun 150% a capacidade de tratamento
  • Avanza que neste mes se iniciarán as probas de funcionamento da nova depuradora de Ourense
  • Salienta que unha das máximas da súa xestión será manter a cooperación cos concellos, co fin de poñer en marcha servizos que melloren a calidade de vida dos veciños

image_gallery (2)

 

A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, anunciou onte que Augas de Galicia colaborará na mellora do saneamento do rural do Concello de Ourense. Este foi un dos compromisos que lle avanzou esta mañá a conselleira de Medio Ambiente ao alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, co que mantivo unha reunión.

Ambos coincidiron na necesidade de impulsar novos proxectos en materia de saneamento que melloren a situación nas zonas máis rurais do concello, polo que a conselleira reiteroulle o compromiso de Augas de Galicia de financiar as actuacións máis prioritarias cunha achega máxima de 600.000 euros.

Pola súa banda, o alcalde comprometeuse a remitir á Consellería a información e os proxectos destas actuacións, co fin de analizar a documentación e formalizar un convenio de colaboración no que se recollan as obrigas e deberes de cada unhas das administracións.

Outro dos puntos abordados na reunión foi a situación actual das obras da nova depuradora de Ourense, polo que lle adiantou que antes de que remate o mes de febreiro se iniciarán as probas de funcionamento da nova depuradora de Ourense.

Explicou que as obras están practicamente completadas e incluíron, ademais da construción da edar, a materialización dun tramo de colector xeral necesario para prolongar o xa existente e a adecuación dos terreos como parque urbano e os labores precisos para o desvío da estrada OU-402.

Trátase dunha actuación que vai incrementar nun 150% a capacidade de tratamento da actual depuradora de Reza, pasando dos 120.000 habitantes equivalentes a 300.000 e que sirve de exemplo de cooperación entre as administracións, xa que ao ser unha obra de interese xeral do Estado, Goberno, Xunta e Concello sumaron esforzos e posturas para a súa construción, que implicou un investimento de 49 millóns de euros dos cales Augas de Galicia aporta 10,1 millóns de euros, é dicir, máis dun 20% do total).

A conselleira de Medio Ambiente recordou que o Goberno galego ten un firme compromiso coa máxima calidade das augas da Comunidade, e que queda patente no feito de que dende 2009 se teñen investido máis de 1.000 millóns de euros no saneamento das augas de Galicia. Tamén sinalou que se ten aprobado o Plan Hidrolóxico para a Demarcación Galicia- Costa, que vai contar cun orzamento total de 655 millóns de euros ata o ano 2021, dos cales un 65% (423 millóns de euros) corresponden ao Goberno galego.

Por último, Beatriz Mato reiterou que a cooperación entre a Consellería e o Concello de Ourense seguirá sendo un máxima, co obxectivo de poñer en marcha todos os servizos e recursos que contribúan a mellorar a calidade de vida dos veciños de Ourense. Así, tamén se comprometeu a analizar e estudar a posibilidade de colaborar na materialización de actuacións que melloren as infraestruturas urbanas do concello.

A conselleira de Medio Ambiente e o alcalde da cidade das Burgas mantiveron un encontro no que analizaron proxectos de interese para a cidade

A conselleira de Medio Ambiente e o alcalde da cidade das Burgas mantiveron un encontro no que analizaron proxectos de interese para a cidade