• Finaliza o Ano Xubilar Extraordinario da Misericordia con cifras históricas tanto de turistas como de peregrinos
  • Grazas a esta celebración, a Porta Santa da Catedral de Santiago permaneceu aberta por primeira vez na Historia fóra dun Ano Santo
  • Este fito constituíu un gran reclamo tanto para o Camiño de Santiago como para Compostela e Galicia en xeral
  • Turismo de Galicia ofreceu neste período unha programación especial que achegou un valor engadido á oferta da nosa comunidade

 

Peregrinos de la III Etapa del Camino de Invierno en As Covas de Vilamartín

 

Mañá finaliza o Ano Xubilar Extraordinario da Misericordia, durante o que, por primeira vez na Historia e por expreso desexo do Papa, se abriu por primeira vez a Porta Santa fóra dun Ano Santo. O seu peche marca o fin dun fito que supuxo un gran reclamo para a Ruta Xacobea, para Santiago e para Galicia.

O Ano da Misericordia impulsou as boas cifras de chegada de peregrinos e outros turistas que viña rexistrando Galicia. Deste xeito, contribuíu a bater as espectaculares cifras de peregrinos do Ano Santo 2010 e a acadar as 271.000 Compostelas expedidas no que levamos de ano.

Ademais, esta celebración tamén axudou a que nos esteamos aproximando ao ambicioso obxectivo dos cinco millóns de viaxeiros aloxados na nosa comunidade durante o 2016. A demanda turística rexistrou nos nove primeiros meses deste ano subas do 7,4% no que se refire ao viaxeiros aloxados e do 9% en relación ás pernoitas, das que chegamos a 8,4 millóns.

Programación especial

No marco do Ano da Misericordia, Turismo de Galicia ofreceu tanto aos galegos como aos turistas e peregrinos que nos visitaron neste período unha programación especial que achegou un valor engadido á oferta da nosa comunidade.

Esta programación incluíu todo tipo de acontecementos culturais, artísticos e sociais, así como iniciativas relacionadas co desenvolvemento turístico e a acollida ao visitante.

Programas musicais, como o ciclo Latitudes ou Música no Camiño, o ciclo “CONferencias con SOLIDARIEDADE” e mostras expositivas como “Galicia, Casa dos Peregrinos” ou “Via Iacobitana” son algunhas das moitas actividades realizadas con motivo deste Ano Xubilar da Misericordia que finaliza no día de mañá.