• A Xunta arranca mañá unha campaña informativa para asesorar aos afectados polas cláusulas chan
  • A presidenta do Instituto Galego de Consumo e directora xeral de Comercio, Sol Vázquez Abeal, participará na primeira xornada, que terá lugar na sede da Asociación Provincial de Amas de Casa, Consumidores e Usuarios da Coruña
  • Impartiranse sesións informativas ao longo das próximas semanas nas principais cidades galegas
  • Os cidadáns tamén poden recibir asesoramento gratuíto a través da web de Consumo, no número de teléfono 900 231 123, nas oficinas municipais de información ao consumidor e nas asociacións de usuarios de Galicia

 

A Xunta, a través da Consellería de Economía, Emprego e Industria, arrancará mañá martes, 27 de decembro, na Coruña unha campaña informativa que percorrerá ás principais cidades galegas ao longo das próximas semanas e na que se informará aos consumidores sobre a última sentenza do Tribunal de Xustiza da Unión Europea sobre as cláusulas chan. Durante estas xornadas, tamén se explicarán os pasos que deben seguir os afectados, ao redor de 200.000 en Galicia, para facer a súa reclamación ante as entidades financeiras.

A presidenta do Instituto Galego de Consumo e directora xeral de Comercio, Sol Vázquez Abeal, participará nesta primeira xornada informativa que terá lugar mañá na sede da Asociación Provincial de Amas de Casa, Consumidores e Usuarios da Coruña (Cantón Grande, 6, 4ºD) a partir das 18.00 horas. A campaña ten como principal obxectivo prestar información e asesoramento gratuíto ás persoas que se viron afectadas por estas cláusulas.

O Instituto Galego de Consumo e da Competencia ten programado un calendario de charlas informativas que percorrerá as principais cidades galegas, e coas que a Administración autonómica pon a disposición dos usuarios todos os medios cos que conta para que poidan reclamar ante as entidades bancarias a devolución do diñeiro cobrado indebidamente a través das cláusulas chan.

Para facilitar o acceso a toda a información que precisan, tamén se publicou na web de Consumo un documento no que se especifican as instrucións sobre cómo proceder para reclamar ante as entidades financeiras, un modelo de formulario para realizar a reclamación, así como a sentenza do Tribunal de Xustiza da Unión Europea ao respecto. Ademais, os cidadáns poden recibir información e asesoramento nas oficinas do Instituto Galego de Consumo, a través do teléfono gratuíto 900 231 123, así como nas oficinas municipais de información ao consumidor (OMIC) e nas asociacións de consumidores e usuarios de Galicia.