Xuventude apoia en Lobios a través de Iniciativa Xove o proxecto ‘Eiras Vivas’ para poñer en valor a ruta etnográfica de Puxedo

alberto nunez feijoo preside a reunion do consello da xuntaO grupo informal de mozos e mozas ‘Xóvenes do Xurés’ está a executar en Lobios o proxecto ‘Eiras Vivas’, financiado por Iniciativa Xove, o programa de educación non formal da Consellería de Traballo e Benestar. Esta actuación, que visitou hoxe a directora xeral de Xuventude e Voluntariado, Cecilia Vázquez, ten por obxectivo poñer en valor a ruta etnográfica de Puxedo, que percorre as catro eiras de mallar do pobo, un total de 28 hórreos, o forno de pan comunitario e, para rematar, o conxunto monumental de San Antonio.

Ao carón desas eiras existen unha serie de construcións con paredes feitas de formigón ou ladrillo sen recubrir. Os mozos e mozas do grupo ‘Xóvenes do Xurés’ están a realizar murais de graffitis para tapar estas paredes con motivos relacionados co ciclo do pan.

Neste ano 2015, a Consellería investirá no programa Iniciativa Xove un total de 500.000 euros para financiar 150 proxectos nos que participarán máis de 750 mozos e mozas. Iniciativa Xove é un programa pioneiro a nivel de todo o Estado, onde a Administración non lle indica aos mozos e mozas o que teñen que facer, senón que lles pide propostas para despois apoialas co propósito de estimular o liderado, a creatividade e o talento xuvenil.

Nesta actuación poden participar tanto asociacións formalmente constituídas como grupos informais de mozos e mozas, e permite que a xuventude galega poida organizar, emprender e impulsar actividades onde os actores principais son eles mesmos.

A Xunta financia o cen por cento dos proxectos presentados cun orzamento máximo por iniciativa de 4.000 euros.

Todas as entidades e grupos aos que se lles concede a axuda e o solicitan reciben un anticipo do 80 por cento sobre o total da cantidade concedida.

Este ano, ademais, será a primeira edición onde as experiencias, competencias e habilidades adquiridas mediante o desenvolvemento dos proxectos de Iniciativa Xove contarán cunha certificación oficial expedida pola Xunta. Galicia é a primeira comunidade autónoma e, polo de agora, a única que certifica as competencias adquiridas coa participación en programas de educación non formal.