xunta de galiciaA Consellería de Traballo e Benestar, a Federación Galega de Bancos de Alimentos e a Federación Galega de Municipios e Provincias acordaron un protocolo de colaboración para ampliar a protección ás familias con menores a cargo en situación de vulnerabilidade.

Ademais da dispoñibilidade orzamentaria inicial destinada aos bancos de alimentos, o departamento da Xunta aumentará tamén as axudas de inclusión social destinadas a cubrir as necesidades básicas, co fin de garantir o sustento das familias con menores a cargo que están pasando maiores dificultades, informou a Xunta nun comunicado.

Traballo e Benestar explica que o que se pretende é “reforzar ferramentas que xa están en marcha”, polo que as medidas non se limitarán aos meses estivais, “xa que non se trata de pór un parche no verán, de aí que desde a Xunta se apostará por unha solución conxunta en que o máis importante é a protección do menor”.

No referente ao protocolo de actuación coordinado cos municipios para o verán, establécese que as familias destinatarias serán as que se encontren en situación de vulnerabilidade diagnosticada polos servizos sociais comunitarios do municipio onde residen.

Ante a detección da familia con necesidade, os servizos sociais do Concello comunicarano á federación de bancos de alimentos que, xunto coa Consellería, contrastarán a percepción doutras axudas ou prestacións coa mesma finalidade e os lotes de alimentos serán distribuídos a cada municipio en función da súa petición.

Finalmente, Traballo resalta que as tres partes se comprometen a garantir a total confidencialidade dos datos persoais e familiares a que teñan acceso como consecuencia do protocolo acordado hoxe.

EFE.