Xornalistas dos principais medios de comunicación arxentinos visitan Galicia para coñecer a súa oferta turística, cunha especial atención a Ourense

Ribeira Sacra

 

Un grupo de cinco xornalistas que representan aos xornais Clarín e La Nación, e á prensa especializada El Gourmet e Travel Magazine, acompañados por un profesional freelance, visitan estes días a Comunidade galega, nunha viaxe organizada por Turismo de Galicia en colaboración coa Oficina de Turismo de España en Bos Aires.

Co fin de difundir os principais valores turísticos de Galicia entre a poboación arxentina, Turismo de Galicia elaborou un programa no que os xornalistas están a coñecer boa parte da oferta e os produtos turísticos galegos, nun circuíto que os leva tanto á costa como ao interior do territorio galego.

Esta viaxe comezou o pasado mércores coa chegada dos visitantes á cidade da Coruña, onde puideron coñecer de preto a cidade e a súa oferta gastronómica.

Ao día seguinte, os xornalistas arxentinos trasladáronse ata Ferrol e seguiron ata Santo André de Teixido, con visitas aos cantís no lugar de Vixía Herbeira, Cariño, e de regreso, Betanzos.

O día 26 de xuño, os representantes da prensa arxentina visitaron a Costa da Morte, con paradas en Vimianzo, o cabo Vilán, Muxía, Fisterra, Carnota e Muros.

A xornada do 27 de xuño reservouse para a cidade de Santiago de Compostela, cun percorrido pola Casco histórico, a Catedral e os principais lugares turísticos.

Ourense e a Ribeira Sacra
Para a fin de semana, o sábado, programouse un percorrido pola provincia de Ourense, con visitas á Cidade das burgas, a vila de Allariz, Santa Mariña de Augas Santas e parte da Ribeira Sacra.

Por último, hoxe, os xornalistas arxentinos visitarán as cidades de Pontevedra e Vigo, de onde partirán rumbo aos seus lugares de orixe.

También te podría gustar...