Pan sarraceno_Panishop

O Centro Dramático Galego trae ao TLO “Xardín suspenso” (venres 17 abril. 21h00) unha obra do portugués Abel Neves dirixida por Cándido Pazó e interpretada por un elenco de primeirísimo nivel: César Cambeiro, Melania Cruz, Rocío González, Luisa Merelas, Santi Romay e Ana Santos. A entrada, a 5 euros, porase á venda desde unha hora antes na billeteira do Teatro.

O Barco forma parte da xira que realizará o CDG con este espectáculo por dez teatros de Galicia e que finalizará do 28 ao 31 de maio no Teatro Nacional Dona María II de Lisboa.

Ata onde pode levar a fidelidade a un amor que non é correspondido? Lucía, moza arquitecta, non desiste da súa fidelidade. Concibiu un xardín despexado, composto tan só por fina area ben alisada e unhas poucas pedras, na antiga casa dos seus pais, o fogar que abandonou en tres ocasións e ao que regresou sempre a petición de Mateo, o seu amor imposible e con quen, sen ser o seu irmán de sangue, creceu desde a infancia. É a el a quen Lucía lle dedica este xardín zen que a familia se dispón a inaugurar cando Mateo anuncia que vai casar con outra muller, Paula.

A partir dese momento, Lucía desiste de comer; decide abandonarse disolvéndose na vida por inacción. Nunha espiral de dor, desleixo e baleiro péchase aos outros. Ignorando os seus sentimentos, a familia tenta comprender o enigma. Mariana, a avoa, resolveu o misterio desde moi cedo. Coa sabedoría que propicia a idade, aconsella ao fillo: “Se oímos ben, respiramos mellor”. Pero na casa, ninguén a escoita. Mais a vida continua e o xardín… suspenso.

O autor é poeta, romancista, ensaísta e, sobre todo, prolífico dramaturgo. Abel Neves está considerado un dos nomes máis relevantes da dramaturxia portuguesa contemporánea.