“Vivir aquí, medrar aquí, criar aquí”, reivindicación da ANPA do Incio

  • Dende a asociación cren nun rural vivo e animan a outras familias a formar parte da comunidade educativa do C.E.I.P Ricardo Gasset
  • As boas comunicacións con Sarria e Monforte fan do Incio un lugar estratéxico para vivir e ver medrar a familia nun entorno rural

 

No CEIP Ricardo Gasset do Incio -educación infantil e primaria, de 3 a 12 anos- comezaron o período de admisión de cara ao vindeiro curso e animan á veciñanza e a outras familias da contorna a matricularse neste centro de ensino.

Dende a ANPA están convencidos/as de que a crianza no rural ten moitas vantaxes. O contacto continuo coa natureza, a aprendizaxe dos costumes e tradicións dende a vida nas parroquias e as relacións interxeracionais fan posible un desenvolvemento dos cativos e cativas moito máis integral; e todo nun espazo rural que despois desta pandemia vai ter moito moito que dicir no futuro.

Nesta reivindicación do rural, convidan ás familias a apostar por unha vida e crianza no Incio, lembran neste senso que “as boas comunicacións, tanto as viarias, como as tecnolóxicas, fan que traballar en Monforte ou Sarria e vivir no Concello do Incio sexa unha realidade”.

También te podría gustar...