VIII Festival Internacional de Narración Oral Atlántica: 9 concellos, 10 narradores e mais de 20 actuacións

  • O Festival Atlántica retoma a súa oitava edición tras a interrupción pola pandemia
  •  Os contos atlánticos volven os días 5, 6 e 7 de novembro e o 5 e 6 de decembro
  • Dez contadores de Venezuela, Huesca, Salamanca, Zamora e Galicia protagonizarán as 24 actuacións deste outono que recalarán nos concellos de Santiago de Compostela, Ferrol, A Coruña, Ourense, Vigo, Lalín, Teo, Pazos de Borbén e Bertamiráns
  • A práctica totalidade da programación será gratuíta

 

O Festival Internacional de Narración Oral Atlántica completará este outono a programación da súa oitava edición que foi interrompida por mor da declaración do estado de alarma o pasado marzo. Grazas á complicidade das entidades colaboradoras, a organización do Festival vai ser quen de programar unha vintena de espectáculos que se repartirán nos concellos de Santiago de Compostela, Ferrol, A Coruña, Ourense, Vigo, Lalín, Teo, Pazos de Borbén e Bertamiráns.

Boa parte da programación vaise desenvolver entre o 5 e o 7 de novembro e, alén diso, para o 5 e o 6 de decembro están previstas outras dúas funcións que completarán a edición deste ano do Festival Atlántica. Serán en total 24 espectáculos nos que participarán os narradores Noelia Carioca (Salamanca), José Luis Gutiérrez ‘Guti’, (Zamora), Rubén Martínez Santana (Venezuela), Fernando Saldaña (Salamanca), Sandra Araguas (Huesca) e mais os galegos Ramiro Neira, Charo Pita, Pablo Díaz, Santi Prego e Sole Felloza.

Todas as actividades vanse desenvolver cumprindo coas medidas de seguridade anticoronavirus dispostas polas autoridades sanitarias. Para asistir ás funcións cómpre inscribirse por adiantado e confirmar a asistencia o día anterior. Deste xeito, de non poder acudir, poderán ocupar a praza as persoas en lista de espera. A organización do Festival Atlántica desexa facer fincapé neste punto e ao mesmo tempo que convida á participación apela tamén a facer un uso responsable das prazas dispoñibles, que por mor das medidas de seguridade son reducidas.

A información sobre os artistas participantes xa está publicada na web do festival (festivalatlantica.gal), onde tamén está o programa das actuacións.