• Presentación da VIII Marcha BTT do Concello de Monterrei
  • O evento que se disputará o vindeiro domingo, 3 de xullo, conta con tres rutas de 18, 36 e 58 quilómetros, de dificultade baixa, media e media-alta, respectivamente
Bernardino González, Rosendo Fernández, José Luis Suárez e Marcos Meno

Bernardino González, Rosendo Fernández, José Luis Suárez e Marcos Meno

 

A VIII Marcha BTT do Concello de Monterrei, de carácter non competitivo, celebrarase o vindeiro domingo, 3 de xullo, contando con tres rutas: o paseo, de 18 quilómetros de dificultade baixa; a curta, de 36 quilómetros de dificultade media; e a longa, de 58 quilómetros de dificultade media-alta. A presentación tivo lugar onte no Pazo Provincial na que participou o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o asesor de Deportes da Deputación, Bernardino González; o alcalde de Monterrei, José Luis Suárez; e o responsable de Deportes do Concello de Monterrei, Marcos Meno.

Rosendo Fernández destacou que este tipo de “eventos lúdicos-deportivos, aúnan deporte, natureza e turismo, dando a coñecer as potencialidades do lugar no que transcorre e dinamizando o territorio”, por iso a Deputación de Ourense “está ao carón das iniciativas que poñen en valor o territorio”, asegurou o vicepresidente do goberno provincial.

O alcalde do Concello de Monterrei dixo que esta celebración “supón o inicio das actividades físico-deportivas que organiza o noso Concello ao longo de todo o verán” e engadiu “é importante continuar con esta iniciativa que, con máis de oito ano, esta proba está xa consolidada”. Asemade José Luis Suárez agradeceu o apoio da Deputación de Ourense “ás iniciativas que desenvolvemos os pequenos concellos”.

Pola súa banda, Bernardino González afirmou que a Deputación de Ourense “sempre está a colaborar neste tipo de actividades, que agradecemos que inicien os concellos porque o deporte serve unha vez máis, para poñer de escaparate o lugar por onde transcorre a proba, neste caso Monterrei”.

Marcos Meno explicou os aspectos técnicos desta proba que nesta ocasión ten como novidade que “os percorridos das rutas longa e curta atravesan todas as localidades de montaña para facer máis vistosa a proba, e contan con dous puntos de avituallamento”.

“A data de hoxe temos 60 inscritos pero esperamos chegar aos 100 participantes” dixo Marcos Meno. Os interesados en participar poden inscribirse ata o xoves, 30 de xuño, na páxina web do Club www.bttverin.com ou o mesmo día da proba. O prezo da inscrición será de 15 euros para as rutas longa e curta e de 12 euros para o paseo, ambos inclúen xantar e seguro; e de 5 euros para as rutas longa e curta sen xantar e o paseo sen xantar é gratis.