Urxencias Sanitarias de Galicia-061 rexistra o máximo histórico de chamadas na súa central de coordinación

image_gallery  

A Central de Coordinación da Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061 atendeu 1.165.625 chamadas ao longo do pasado ano, rexistrando o seu máximo histórico. Estes datos amosan unha media diaria de máis de 3.000 chamadas, superando as 97.000 ao mes. As cifras do balance de actividade de 2014 reflicten un incremento significativo respecto do 2013, no que se atenderan 1.114.601 chamadas, é dicir, 51.024 máis. Os meses de maior actividade foron os de verán e os de principio e final do ano.

Así o explicou hoxe director o director da Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061, José Antonio Iglesias quen fixo balance da actividade prestada á poboación galega ao longo do pasado ano. Os datos rexistrados sobre a actividade deste servizo amosan que o 39,4% das demandas de asistencia sanitaria en 2014 non requiriron mobilización de recursos xa que foron resoltos telefonicamente mediante consulta médica e información sanitaria.

Dos servizos sanitarios atendidos polo 061 que se resolveron con mobilización dalgún recurso, o 53,9% atendéronse como emerxencias, o 35,5% como transporte urxente, o 10,2% como visita domiciliaria e un 0,4% como transporte secundario.

Menos de 10 segundos para una resposta

Segundo indicou o doutor Iglesias, o 86% das chamadas a Central do 061 aténdense en menos de 10 segundos, este é o tempo que transcorre dende que un paciente marca ó 061 ata que é atendido por un profesional que dará resposta a súa consulta ou situación de emerxencia sanitaria.

No caso dos recursos asistenciais, o tempo medio de resposta para toda a Comunidade, dende que unha persoa chama a Central do 061 ata que é asistido no lugar do incidente é de 24:31 minutos no caso dos helicópteros, de 16:28 minutos para as ambulancias medicalizadas e de 14:44 minutos para as ambulancias asistenciais.

A mobilización de recursos do pasado ano reflicte que en 791 ocasións foi mobilizado un helicóptero medicalizado -xestionados dende 1 de xaneiro de 2014 integramente polo 061- en 18.420 unha ambulancia asistencial de soporte vital avanzado, en 235.372 unha ambulancia asistencial de soporte vital básico, en 11.518 unha ambulancia convencional, en 45.718 un equipo de Atención Primaria e en 3 ocasións o helicóptero da Consellería do Medio Rural e do Mar.

O director do 061 galego salientou que os recursos medicalizados -ambulancia e helicóptero de soporte vital avanzado- destacan na súa eficiencia na resolución da demanda, grazas tanto aos profesionais sanitarios especializados na asistencia de emerxencias sanitarias como ao equipamento e material do que dispoñen. É por isto que, no ano 2014, do total das asistencias realizadas polos recursos medicalizados, o 30,79% asistíronse no lugar e recibiron o alta no punto, o 57,43% requiriu traslado ao hospital, o 11,53% como derivacións noutro recurso e o 0,24% como traslados a centros de saúde.

As patoloxías máis comúns atendidas polos recursos medicalizados do 061 foron as alteracións da consciencia, que orixinaron 4.584 asistencias; os problemas respiratorios, que requiriron algún recurso sanitario en 2.132 casos; os accidentes de tráfico con 717 actuacións; a dor torácica, na que en 2.753 ocasións acudiu unha ambulancia ao lugar do incidente; e as convulsións, con 1.140 asistencias.

Máis de 200 visitas diarias a web
Ademais, no segundo semestre de 2012 puxérase en marcha o servizo multicanle do Sergas a través do número 902 077 333, que rexistrou o pasado ano 10.583 consultas médicas destinadas ao 061. Por outra banda, a consulta en liña a través da páxina web do 061 (http://061.sergas.es/), contou con 265 consultas dirixidas aos profesionais sanitarios da Central de Coordinación; e a páxina web recibiu o pasado ano 76.374 visitas, o que supón máis de 200 visitas diarias.

También te podría gustar...