Un documental relata “a heroica construción” dos encoros do río Sil
O mosteiro de Santo Estevo de Ribas do Sil acolleu onte a presentación da longametraxe documental «Desafío do Sil», no que colabora a Deputación de Ourense. O acto contou coa participación do presidente do goberno provincial, Manuel Baltar; o director do documental, Domingo Díaz; o director de Agadic, Jacobo Sutil, e o presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, Francisco Marín. O proxecto, baseado no libro “A construción dos Saltos do Sil, 1945-1965” de Susana Chávarri, está subvencionado por Agadic e conta ademais con apoio da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, do Concello de Petín e de Iberdrola.
A historia do filme dátase no ano 1945, cando chega á cunca do río Sil un grupo de xóvenes enxeñeiros co obxectivo de proxectar e construír os saltos hidráulicos, para os que a empresa Saltos del Sil tiña concesións. Os traballos foron moi complicados pola escaseza de medios cos que contaron, e tamén polas dificultades de acceso ás comarcas nas que traballaban.
Dun xeito case heroico este equipo logrou construír presas que polo seu deseño foron pioneiras en Europa e consolidar unha empresa referente polos seus logros industriais e sociais. A construción destas presas supuxo un cambio radical para os habitantes das comarcas nas que estaban situadas, modificando totalmente a sociedade rural, case autárquica, ao introducir a produción industrial, o salario fixo e os beneficios sociais.
No acto de hoxe proxectáronse imaxes do documental do ano 1964 “Por la cuenca del Sil”, dirixido por López Heptener.