Un campamento de verán recrea os relatos de Agatha Christie na estación de Baños de Molgas

1 1 1 1 1 1 MB e Camp B Molgas 15

 

A estación de Baños de Molgas (Ourense) converterase entre o vindeiro 28 de xuño e o 11 de xullo no escenario perfecto para recrear os relatos da escritora Agatha Chritie co desenvolvemento do «Orient Express in Ourense», un campamento de verán no que participarán nenos e nenas de entre 11 e 16 anos, que ten como obxectivo a inmersión no idioma inglés por medio de actividades de lecer e formativas baseadas na creatividade audiovisual.

A Deputación de Ourense promove e colabora nesta iniciativa a través do Inorde para fomentar a convivencia e a formación dos xóvenes xunto coa promoción dos espazos naturais da provincia de Ourense. Na presentación do campamento, que tivo lugar hoxe no Centro Cultural «Marcos Valcárcel», o presidente do goberno provincial destacou que este verán «Baños de Molgas convértese nun lugar de ocio e nun entorno para «aprehender» o idioma inglés, imprescindible hoxe no ámbito internacional», e subliñou que esta actividade «fomenta a comunicación e promove a creatividade no ámbito audiovisual, ademais de difundir valores de amizade e colaboración, como tamén estamos a facer no Campamento da Ourensanía, que tamén realizamos pensando na nosa mocidade».

Pola súa banda, Víctor Manuel Rodríguez, responsable do Centro Educativo Internacional El Jarama e coordinador do campamento, dixo que as actividades de inmersión no inglés «fanse de maneira divertida, sen clases, e pensando sempre que o mellor modo de aprender un idioma e xogando e experimentando con actividades creativas». «De aí -explicou- que optásemos por realizar talleres de cine, edición, maquillaxe, vestiario, guion e todo o relacionado co audiovisual orientado á realización dunha película interactiva baseada nos relatos de Agatha Christie vencellados ao mundo dos trens».

Os trinta nenos e nenas que participarán no campamento aloxaranse no albergue que o Inorde ten na estación de Baños de Molgas, e completarán as dúas semanas de estancia con excursións, rutas de sendeirismo e actividades deportivas, turísticas e culturais.