Turistas internacionais, xuño representa un novo máximo histórico

  • Os turistas internacionais marcan en Galicia un máximo histórico representando no mes de xuño o 36% do total
  • Galicia rexistrou en xuño un incremento superior ao 6% dos seus viaxeiros aloxados e as súas pernoitas situando estes indicadores en cifras históricas
  • Neste sexto mes do ano o 82,4% da demanda turística regrada rexistrada en Galicia correspondeu aos establecementos hoteleiros
Gráfico datos do INE

Gráfico datos do INE

 

Segundo os datos publicados polo Instituto Nacional de Estatística (INE), no pasado mes de xuño Galicia rexistrou un incremento do seu volume de viaxeiros aloxados nos establecementos regrados do 6,3%, ata situarse en máis de 523.000. Así mesmo, subiron tamén no pasado mes as pernoitas nun 6,8%, neste caso, contabilizándose un total de 971.134 no conxunto da comunidade.

É o terceiro ano consecutivo que se rexistra un incremento das pernoitas no conxunto da oferta regrada e o carto ano consecutivo de crecemento dos viaxeiros de Galicia situándose o nivel deste dous indicadores nun máximo histórico neste sexto mes do ano.

A nivel estatal rexistrouse tamén un crecemento dos niveis da demanda turística regrada, do 7,4% no relativo á cifra de viaxeiros e do 9,5% no que atinxe ás pernoitas.

No que se refire aos dous grandes segmentos de mercado, tanto o nacional coma o internacional contribuíron aos bos resultados acadados no pasado mes.

O turismo nacional incrementou as súas pernoitas nun 5,9% e a súa cifra de viaxeiros nun 6,4%, neste caso. Grazas a este crecemento este segmento acadou en xuño, un máximo histórico de viaxeiros, con 334.841, o nivel máis elevado de pernoitas dos últimos seis anos, con máis de 680.000 pernoitas, neste caso.

Pola súa parte, o turismo internacional incrementou nun 6,0% o volume da súa cifra de viaxeiros e nun 8,9% as súas pernoitas. Galicia suma xa catro anos consecutivos de incremento do turismo internacional no mes de xuño circunstancia que sitúa os niveis deste 2016 en máximos históricos tanto de viaxeiros, con 188.392, como de pernoitas, con preto de 290.000 neste caso. Deste xeito, o turismo internacional representou no pasado mes de xuño o 36% do total de viaxeiros aloxados e o 30% de pernoitas, cifras históricas tamén para a nosa comunidade.

Neste sexto mes do ano o 82,4% da demanda turística regrada rexistrada en Galicia correspondeu aos establecementos hoteleiros porcentaxe que inclúe tanto aos hoteis – que representaron o 64,9%- como ás pensións –co 17,5% neste caso-. O 17,6% restante situouse no segmento extrahoteleiro, porcentaxe que neste caso reúne aos apartamentos turísticos –que representaron o 4,0%-, aos establecementos de turismo rural –que supuxeron o 3,8% neste caso- e aos cámpings –que representaron no pasado mes o 9,8% do total da demanda regrada-.

En canto ao incremento da demanda segundo as tipoloxías de aloxamento, destacan por intensidade as subas rexistradas nos apartamentos turísticos, que incrementaron en 51,9% as súas cifras do pasado ano; nos hoteis, cun crecemento do 7,7%, e nos establecementos de turismo rural, do 18,8% neste caso.

O forte crecemento rexistrado nestes segmentos sitúan os niveis deste ano dos establecementos hoteleiros, apartamentos turísticos e establecementos de turismo rural en máximos históricos.

En termos de ocupación, obsérvase un comportamento positivos xeneralizado destacando a mellora rexistrada nos apartamentos turísticos e nos hoteis, de máis de catro e tres puntos porcentuais respectivamente.

Acumulado do ano

No primeiro semestre do ano, Galicia acadou a cifra dos 1.860.626 viaxeiros, o que supón un incremento do 6,4% con respecto ao mesmo período do pasado ano. O número de pernoitas incrementouse tamén, nun 6,6% neste caso, acadando a nosa comunidade preto de 3,38 millóns de noites.

Estes incrementos permitiron que a nosa comunidade acadase un máximo histórico en termos de viaxeiros e o nivel máis elevado dende 2010 de pernoitas.

Os dous principais segmentos de mercado mantiveron unha tendencia positiva. O turismo nacional, subiu un 6,1% no tocante as pernoitas e un 6,5% no que atinxe aos viaxeiros acadando as cifras máis elevadas dos últimos seis anos. Pola súa parte, o turismo internacional incrementou nun 8,1% as súas pernoitas e nun 6,0% os seus viaxeiros acadando máximos históricos con preto de 538.000 viaxeiros e 850.000 pernoitas.

En canto ao crecemento da demanda segundo as tipoloxías de aloxamento, destacan por intensidade as subas rexistradas nos apartamentos turísticos, nos establecementos de turismo rural e nos hoteis, do 51%, 10% e 7,5% respectivamente.

En termos de ocupación obsérvase neste período melloras notables nos apartamentos turísticos –de máis de tres puntos porcentuais- e nos hoteis –modalidade que superou en 1,9 puntos o dato do pasado ano-.

Imaxes relacionadas

También te podría gustar...