Turismo Termal, Ourense e o Estado de Paraná acordan desenvolver accións conxuntas

  • A gobernadora de Paraná, Cira Borghetti, amosoulle ao presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, o interese por acoller neste estado brasileiro a edición de Termatalia 2018.
  • Na súa primeira xornada en Brasil o presidente do goberno provincial entrevistouse tamén co secretario de Estado de Desenvolvemento Urbano, Carlos Masa, e con Omar Akel, presidente de COMEC, Región Metropolitana de Curitiba.
  • Manuel Baltar presentará hoxe no «Seminario Internacional de Governança Metropolitana», no que se analizan a xestión innovadora dos territorios de Buenos Aires, Medellín, Toronto e Ourense, o seu modelo de xestión para a provincia de Ourense.

A provincia de Ourense e o Estado Paraná (Brasil) desenvolverán accións conxuntas para potenciar o termalismo e o turismo termal de ámbolos dous territorio. Así o acordaron onte o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e Cira Borghetti, gobernadora en exercicio deste estado brasileiro, un dos máis importantes do país e que conta cunha poboación de máis de dez millóns de habitantes. Na longa reunión que Baltar e Borghetti mantiveron na sede do goberno do Estado de Paraná, na cidade de Curitiba, a gobernadora amosoulle o interese de Paraná por acoller no ano 2018 a feira de turismo e saúde termal «Termatalia», que cada dous anos se celebra fóra de Ourense, nun país destacado no ámbito termal.

0MB e CB 11

Neste senso, Cida Borghetti explicoulle a Manuel Baltar os elementos que fortalecen á candidatura de Brasil, e concretamente de Foz de Iguaçú, para acoller en 2018 a considerada feira de termalismo máis importante do mundo, comentando que esta rexión recibe anualmente a visita de máis de tres millóns de turistas, un elemento dinamizador que suporía un excelente escaparate para o termalismo de Paraná e Ourense pola trascendencia e repercusión que acadaría Termatalia.

Manuel Baltar agradeceulle á gobernadora o seu interese por acoller no Estado de Paraná «un evento nacido en Ourense e impulsado por todo o mundo, e que potencia un dos nosos sinais de identidade e competitivade: o termalismo».

Na súa primeira xornada en Brasil o presidente do goberno provincial entrevistouse tamén co secretario de Estado de Desenvolvemento Urbano, Carlos Masa, e con Omar Akel, presidente de COMEC, organismo coordinador da Región Metropolitana de Curitiba. Precisamente con Omar Akel, Baltar analizou os temas que diferentes relatores internacionais presentarán no seminario de Governança Metropolitana, un evento dirigido a xestores públicos que desenvolven o seu labor en rexións de mundo que se teñen caracterizado polas iniciativas innovadores que teñen posto en marcha, e coa finalidade de identificar boas prácticas que modernicen a xestión das administracións públicas.

Pola súa banda, no encontro que Manuel Baltar mantivo con co secretario de Estado de Desenvolvemento Urbano, Carlos Masa, ámbolos dous analizaron as potencialidades e singularidades da provincia de Ourense e do Estado de Paraná, destacando o presidente da Deputación a fortaleza que supón para a nosa provincia ser o territorio do mundo con maior riqueza termal, mentres que Carlos Masa falou de establecer liñas de cooperación nos moitos ámbitos da innvoación que desenvolve o Estado de Paraná e sinaladamente a Cidade de Curitiba, situada entre os tres municipios coa mellor infraestrutura de Brasil, só por detrás de Sao Paulo e de Río de Janeiro, e considerada como unha das cinco mellores cidades para investir de América Latina. Curitiba, referente de innovación e desenvolvemento, ten preto de dous millóns de habitantes e o seu PIB é o terceiro a nivel nacional.

Precisamente, sobre estes temas falarase mañá no «Seminario Internacional de Governança Metropolitana», no que se analizan a xestión innovadora dos territorios de Buenos Aires, Medellín, Toronto e Ourense, e ao que Manuel Baltar foi convidado para presentar diante de 400 expertos internacionais o seu modelo de xestión para a provincia de Ourense, o único modelo europeo convidado a este seminario de expertos en xestión metropolitana e visións políticas de desenvolvemento territorial.

También te podría gustar...