Turismo promoveu o destino Galicia en 23 feiras especializadas no que vai de ano, cinco máis que no mesmo período de 2014
Ao longo dos oito primeiros meses do ano 2015, Turismo de Galicia xa promoveu o destino Galicia en 23 feiras especializadas, cinco máis que no mesmo período do ano 2014, coa participación en 14 certames de ámbito internacional e 9 nacional.
Así, Turismo de Galicia ampliou en 2015 o calendario de feiras turísticas destinadas á promoción global do destino Galicia, de xeito que ao longo deste 2015 participará nun total de 33 certames sectoriais, dos que 22 son de ámbito internacional e 11 nacionais.
No que vai de ano, o turismo galego xa se promoveu en dúas das principais feiras turísticas do mundo, FITUR, celebrada en Madrid entre os días 28 de xaneiro e 1 de febreiro, e a Internationale Turismus Börse (ITB), de Berlín, que tivo lugar entre os días 4 e 8 de marzo.
Ademais, en xaneiro, o turismo galego estivo presente nas feiras Vakantiebeurs de Utrech (Holanda), Matka de Helsinki (Finlandia), Thermalies de París (Francia) e a Holiday world de Dublín (Irlanda).
No mes de febreiro, Turismo de Galicia acudiu ás feiras Salón de Vacances de Bruxelas (Bélxica), Free de Múnich (Alemaña), Fiets en Wandelbeurs de Amberes (Bélxica), Navartur de Pamplona e FIO, en Monfragüe.
En marzo, ademais da ITB, o turismo galego promoveuse nos certames Sevatur de San Sebastián, MITT de Moscú (Rusia), Turexpo de Silleda, Salón Meedex de París (Francia) e TUR de Gotemburgo (Suecia).
Polo que respecta ao mes de abril, o turismo galego estivo presente na feira B-Travel de Barcelona, Mundo Abreu de Lisboa (Portugal), Koiné de Vicenza (Italia) e World Travel Latin América de Sao Paulo (Brasil).
Nos meses de maio e xuño, Turismo de Galicia tamén promoveu o destino Galicia nos certames Madrid Golf de Madrid, IMEX de Fránkfurt e Sacroexpo de Kielce (Polonia).
Próximas feiras
Canto ao segundo semestre do ano, o vindeiro 18 de setembro comeza a promoción en feiras do turismo de Galicia coa participación no certame Unibike de Madrid. Ademais, o próximo mes, Turismo de Galicia participará nas feiras Grand Pavois de La Rochelle (Francia), Jata Tourism Expo Japan de Tokio (Xapón) e Termatalia de Ourense.
No mes de outubro Turismo levará o destino Galicia aos certames TTG Incontri de Rímini (Italia) e International Tourism & Travel Show de Montreal Canadá; mentres que en novembro o turismo galego promoverase na World Travel Market de Londres, INTUR de Valladolid e a IBTM de Barcelona.
O calendario de feiras nas que participará Turismo de Galicia en 2015 pecharase en decembro coa participación no Salón Náutico de París (Francia) entre os días 4 e 13.
Principais novidades
Como novidade, este ano, Turismo de Galicia reforzará a promoción do cicloturismo e a práctica da bicicleta todo terreo nos certames Fiets en Wandelbeurs e Unibike. Ademais, o turismo galego tivo presenza por primeira vez na feira Wolrd Travel Latinoamérica.
Por outra parte, o departamento de promoción turística da Xunta ampliou a presenza do Camiño de Santiago nos mercados turísticos internacionais coa participación na feira Koinè e levará os produtos e servizos turísticos da Comunidade galega a Canadá, coa participación na feira Tourism & Travel Show.
Principais mercados
Dese xeito, un ano máis, o turismo galego estará presente nos principais mercados turísticos do mundo incluíndo os emerxentes de Xapón, Rusia e Brasil.
No ámbito español, o turismo galego estará representado este ano en todos os certames turísticos organizados nos principais mercados emisores para Galicia.