Turismo de Galicia participará na décima edición da Feira Internacional de Turismo Navartur

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, inaugurou esta mañá o Foro de Santiago TV “Impacto económico do Camiño de Santiago”

 

Turismo de Galicia ten esta semana unha nova cita cunha das feiras de promoción e comercialización do ámbito turístico máis importantes do calendario en España. Trátase da Feira Internacional de Turismo Navartur que celebra entre os días 20 e 22 de febreiro a súa décima edición.

Turismo de Galicia promocionará neste certame o amplo abano de produtos turísticos que ofrece a nosa comunidade como destino global e proporcionará información relativa as diversas rutas que conforman o Camiño de Santiago.

A feira, que terá lugar no Palacio de Ferías y Congresos Baluarte de Pamplona, ten un carácter mixto acollendo tanto a profesionais como a público en xeral.

O certame conta cun espazo expositivo no que participarán un total de 110 expositores que ofrecerán máis de 500 destinos nacionais e internacionais.

A feira Navartur está experimentando unha importancia crecente nos últimos anos no ámbito profesional do turismo sendo unha feira cada vez máis coñecida e valorada polos resultados que ofrece. Na pasada edición 31.879 visitantes pasaron por Navartur, un récord absoluto de todas as edicións celebradas ata a data.

Ademais, a feira compleméntase cunha importante oferta de actividades paralelas entre as que destaca o VI Congreso Internacional de Turismo Rural ao que se espera que asistan uns 250 profesionais.

O congreso considerado como o evento máis importante relacionado co Turismo Rural que se celebra no sur de Europa, centra o seu programa desta edición nos retos de futuro do turismo rural, con temas tan importantes e interesantes como o papel da muller no turismo rural, a importancia do asociacionismo e o relevo xeracional. Sobre estes e outros temas xirará o programa de relatorios, mesas redondas, obradoiros e espazos de networking.

O turismo internacional marcou máximos históricos no turismo rural o pasado ano

No pasado ano 2014 o turismo rural en Galicia superou nun 18,5% a cifra de viaxeiros aloxados, sumando un total de 153.034, e nun 16,3% o nivel de pernoitas, con 301.352, as cifras do anterior ano 2013

Este incremento da demanda do turismo rural galego produciuse nos tres grandes segmentos de mercado. Deste xeito, o turismo interno subiu un 8,6%, o receptor nacional un 15,8% e o internacional mellorou nun 35%.

Así, o turismo internacional marcou no pasado ano máximos históricos de demanda tanto no que respecta á cifra de viaxeiros aloxados -32.254- como ás pernoitas -55.429-. Aconteceu o mesmo co peso pois neste ámbito o mercado internacional representou o 18,4% do total.

Turistas e peregrinos procedentes de Navarra
Polo que respecta aos cidadáns de Navarra que visitan Galicia, cabe salientar que, ao longo do pasado ano 2014, foron un total de 24.632, cifra que superou nun 11,7% o dato do 2013. Estes turistas fixeron no pasado ano un total máis de 54 mil pernoitas nos establecementos turísticos da comunidade galega, un 6% máis que no 2013.

No ámbito do Camiño de Santiago, segundo os datos recollidos pola Oficina do Peregrino, ao longo do ano 2014 un total de 7.848 peregrinos –isto é o 3,30% dos camiñantes que recolleron a Compostela- comezaron o Camiño en Roncesvalles.

Por outra banda, o 1,92% dos peregrinos que recorreron o Camiño de Santiago o pasado ano comezaron a súa andaina en Pamplona, sumando un total de 4.573.

También te podría gustar...