Turismo de Galicia e a Deputación de Pontevedra promoven o fortalecemento do Camiño Portugués

image_gallery (1)

 

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, o presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, a os alcaldes de doce concellos da provincia e os presidentes das cámaras municipais de Portugal por onde pasa o Camiño Portugués, o presidente da Asociación de Amigos do Camiño Portugués, Tino Lores, e técnicos da Xunta e da institución provincial participaron esta mañá na reunión de traballo da mesa permanente desta Ruta Xacobea.

Trátase da terceira xuntanza realizada pola Mesa de Traballo do Camiño Portugués que ten como obxectivo consolidar esta ruta dentro do Camiño de Santiago.

Durante o encontro a directora de Turismo de Galicia destacou que esta mesa é fundamental para fortalecer esta ruta. Neste senso, afirmou que «é necesaria para seguir afondando na promoción do Camiño Portugués, sobre todo cos municipios do país veciño, que teñen moito que dicir».

Así mesmo, Nava Castro sinalou que «o pasado ano, dos 237.000 peregrinos que chegaron a Galicia, 35.491 empregaron o Camiño Portugués», o 15,92% do total de peregrinos que recolleron a Compostela. “E a estes hai que engadir aquelas persoas que fan o camiño sen selar a Compostela, arredor dun 10 % máis”, puntualizou a responsable de Turismo da Xunta.

No que vai de ano o Camiño Portugués segue a consolidarse como a segunda ruta do Camiño de Santiago con maior afluencia de xente despois do Camiño Francés. «Levamos un 17 % do global de peregrinos que chegaron a Galicia, 16.757 dos máis de 101.000 que entraron en Santiago de Compostela», afirmou Nava Castro.

Este incremento nos datos de afluencia tamén se contabilizan nos albergues do Camiño Portugués que hai na provincia. Así, durante o pasado mes de xuño fixeron noite nos 10 aloxamentos públicos 5.960 persoas das 44.099 contabilizadas en toda a rede de albergues xestionados polo Xacobeo.

También te podría gustar...