Traballo porá en marcha 12 obradoiros na provincia dos que se beneficiarán preto de 300 desempregados entre eles de O Barco, Rubiá e Carballeda

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, visitou esta mañá o CEIP Bibei e o IES Carlos Casares, emprazados na localidade ourensá de Viana do BoloA comisión de valoración da Consellería de Traballo e Benestar vén de avaliar as solicitudes presentadas para a concesión de obradoiros de emprego e decidiu que a provincia de Ourense poderá contar con doce programas mixtos de emprego para este ano que beneficiarán a preto de 300 persoas en situación de desemprego cun orzamento de preto de 2,2 millóns de euros. A resolución definitiva realizarase nos vindeiros días.

Así o anunciou o delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, logo da celebración desta comisión.

En concreto, na nosa provincia os obradoiros mellor valorados de acordo cós criterios establecidos na Orde de convocatoria benefician a un total de 43 concellos e son: a Mancomunidade voluntaria dos municipios da comarca de Ourense; Mancomunidade do Ribeiro; Consorcio local Río Arnoia; Allariz, A Bola e Vilar de Santos; Barbadás; Celanova, Bande e Verea; O Barco de Valdeorras, Rubiá e Carballeda de Valdeorras; O Carballiño, San Amaro e Boborás; Ourense; Monterrei, Laza, Oímbra, Cualedro e Castrelo do Val; Padrenda, Pontedeva e Quintela de Leirado;e, por último,  Sarreaus, Trasmiras, Vilar de Barrio e Sandiás.

Martínez subliñou o esforzo inversor do Goberno galego para blindar a orde anual de Obradoiros que ofrecen varias vantaxes ás persoas desempregadas:  favorecen o acceso a un posto de traballo, ao tempo que ofrecen unha formación teórico e práctica de calidade, certificada e adecuada ao mercado laboral; e permiten a realización de obras ou servizos de interese para a comunidade. Ademais, outro aspecto importante que rodea estes programas é a colaboración institucional entre a Xunta de Galicia e as entidades locais responsables de promover estas iniciativas.

No caso da Mancomunidade voluntaria dos concellos da comarca de Ourense inclúe as localidades de Paderne de Allariz, Maceda, Baños de Molgas, Nogueira de Ramuín, Esgos, San Cibrao das Viñas ,Parada de Sil, Pereiro de Aguiar, Xunqueira de Ambía e Xunqueira de Espadañedo. O seu obradoiro, un dos mellores valorados pola comisión celebrada esta mañá,  beneficiaría a 23 persoas cun orzamento de máis de 204.318 euros.

A Mancomunidade do Ribeiro inclúe aos concellos de Leiro, Cenlle, Beade, Arnoia e Cortegada. O seu obradoiro sería para 20 beneficiarios cun presuposto de preto de 177.668  euros.

O consorcio local río Arnoia (Cartelle, A Merca e Ramirás) podería contar cun obradoiro de para 21 persoas desempregadas cun orzamento de preto de 186.551 euros.

Ademais, os concellos de Allariz, A Bola e Vilar de Santos, tamén entre os mellor avaliados,  contarían tamén co obradoiro ‘Reserva da Biosfera” no que participarían 20 persoas desempregadas cun orzamento de máis de 177.600 euros.

Outro dos obradoiros mellor valorados pola comisión de Valoración de Traballo e Benestar é o presentado por Celanova, Bande e Verea con 20 participantes e un orzamento de 177.668 euros .

Así mesmo, tamén podería poñerse en marcha outra iniciativa para os concellos do Barco de Valdeorras, Rubiá e Carballeda de Valdeorras  no que participarían 20 persoas desempregadas cun orzamento de máis de 177.600 euros.

Monterrei, Laza, Oímbra, Cualedro e Castrelo do Val poderán ofertar un obradoiro para 20 desempregados cun presuposto de 177.668 euros.

O obradoiro do Carballiño, San Amaro e Boborás poderá contar con 20 beneficiarios e un orzamento de máis de 177.600 euros.

Entre os obradoiros mellor valorados de acordo cos criterios establecidos na Orde de convocatoria atópase o do concello da cidade que baixo a denominación “Ribeira termal” ofrecerá formación e emprego a 23 desempregados e contará cun presuposto de 204.318 euros.

Os concellos de Padrenda, Pontedeva e Quintela de Leirado contarían cunha iniciativa para 20 persoas desempregadas cun orzamento de máis de 177.600 euros.

E, por último, para as localidades de Sandiás, Sarreaus e Trasmiras podería celebrarse un obradoiro de 20 prazas e preto de 178.000 euros de orzamento. .

En total, en toda Galicia vanse levar a cabo aproximadamente medio cento de obradoiros, grazas a un investimento de 10,2 millóns de euros que beneficiará a máis de 1.000 galegos e galegas.

Ademais, a Consellería de Traballo e Benestar convocou  este ano por primeira vez unha Orde para menores de 25 anos, incluída dentro do novo programa de Garantía Xuvenil, que conta cun orzamento de 4,7 millóns de euros. Así, o departamento que dirixe Beatriz Mato investirá arredor  de 15 millóns de euros na posta en marcha de 70 obradoiros ao longo do presente ano cun total de 2.000 beneficiarios.

También te podría gustar...