Traballo incentivará a contratación de persoas en risco de exclusión social con axudas entre 2.500 e 5.000 euros

Cabecera-Diario-Oficial-Galicia_EDIIMA20121201_0107_13A Consellería de Traballo e Benestar incentivará a contratación temporal das persoas desempregadas en situación ou en risco de exclusión social con axudas de entre 2.500 e 5.000 euros, en función da duración do contrato.

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica onte esta convocatoria de axudas, que ten como finalidade mellorar a empregabilidade e ocupabilidade destas persoas.

En concreto, consideraranse beneficiarios os seguintes colectivos: persoas que estean nunha situación de cargas familiares non compartidas; vítimas de violencia doméstica; persoas en proceso de rehabilitación social, como resultado dun programa de deshabituación de substancias adictivas ou de calquera outra adicción que produza efectos persoais e sociais de natureza semellante; mulleres vítimas de violencia de xénero; persoas con discapacidade valorada superior ao 33 %; inmigrantes ou emigrantes retornados; persoas procedentes de institucións de protección ou reeducación de menores ou de cumprimento de pena nunha institución penitenciaria; persoas sen fogar ou que habitan nunha infravivenda; pertencentes a unha minoría étnica; persoas en proceso de abandono do exercicio da prostitución ou ser vítima de explotación sexual-laboral en redes de prostitución ou de trata de persoas; persoas transexuais ou en proceso de reasignación sexual; ou persoas afectadas por calquera outro factor non previsto expresamente no artigo 3 da Lei 10/2013, sempre que, ponderado polos servizos sociais comunitarios no contexto persoal, familiar e social da persoa, condicione negativa e gravemente a súa inclusión social e laboral.

Ao abeiro destas axudas, serán subvencionables as contratacións de carácter temporal realizadas desde o 1 de outubro de 2014 ata o 30 de setembro de 2015. Os incentivos serán de aplicación en todas as modalidades contractuais de carácter temporal, a tempo completo ou parcial.

Poderán optar a estas subvencións persoas empregadoras e empresas, calquera que sexa a súa forma xurídica, incluídas as persoas autónomas, as sociedades civís e as comunidades de bens.

Esta iniciativa inscríbese na aposta do Goberno galego por desenvolver accións ou medidas que faciliten a inserción laboral das persoas que se atopen en situación de risco de exclusión social. Nesta mesma liña de acción, inclúense outras accións como a orde para a contratación nos concellos de perceptores da Renda de Inclusión Social de Galicia (RISGA), ou a nova Estratexia de Inclusión Social de Galicia.