6328H1

 

A Consellería de Traballo e Benestar, a través do Consello Galego de Cooperativas, na súa liña de impulso e recoñecemento do modelo cooperativo, aborda unha nova iniciativa de promoción e comercialización de produtos de alta calidade. Será no certame gastronómico internacional Xantar 2015, que se celebrará en Ourense a partir do mañá mércores 4 de marzo, e ata o domingo día 8.

No espazo habilitado polo Consello Galego de Cooperativas para a promoción desta fórmula empresarial, os visitantes que se acheguen os vindeiros días ao Salón internacional de turismo gastronómico- Xantar 2015 poderán recoñecer e degustar os produtos cooperativos galegos.

As cooperativas distínguense por ser unha fórmula empresarial capaz de crear emprego en calquera dos ámbitos da actividade económica, e por ter demostrado unha mellor resistencia fronte á crise. A importancia das cooperativas en Galicia constátase por si mesma, como amosan as súas propias cifras. Neste intre, existen máis de 1.240 cooperativas activas que superan os 90.000 socios e xeran máis de 18.600 postos de traballo directo.

Anualmente créanse máis de medio centenar de novas sociedades baixo esta fórmula empresarial, que ten experimentado na Comunidade Autónoma un crecemento progresivo nos últimos anos.

O stand do Consello Galego de Cooperativas

En Xantar 2015, os visitantes poderán recoñecer e saborear in situ a alta calidade dos produtos cooperativos a través das nove empresas cooperativas presentes nesta ocasión no stand do Consello Galego de Cooperativas, que permitirán a degustación dos lácteos e queixos das sociedades cooperativas Campo Capela (A Capela-A Coruña); Condado-Paradanta (As Neves-Pontevedra); e Cooperativa Agraria Provincial da Coruña-Granxa O Cancelo (Arteixo-A Coruña); os viños de Bodegas Eidosela (Arbo-Pontevedra); Bodega Cooperativa Jesús Nazareno (O Barco de Valdeorras-Ourense); e a Adega Cooperativa Virxe das Viñas (A Rúa-Ourense); a carne dos cooperativistas de Monte Cabalar (A Estrada-Pontevedra) e os peixes e mariscos de Anaco (Santiago-A Coruña) e o Canto da Balea (Carnota- A Coruña).

A Consellería de Traballo e Benestar, a través do Consello Galego de Cooperativas tamén está presente en Xantar 2015 para promover e difundir os valores do cooperativismo como fórmula de autoemprego, equidade e competitividade empresarial e, ademais, impulsar o desenvolvemento das empresas cooperativas, modelo na preocupación común pola explotación racional dos recursos, a consideración pola contorna, o territorio e, por suposto, no respecto ao consumidor final.

O Consello Galego de Cooperativas é o máximo órgano de promoción e difusión do cooperativismo na Comunidade Autónoma de Galicia e está adscrito á Consellería de Traballo e Benestar.