Traballo destina preto de 1,5 millóns de euros para financiar o fomento da prevención de riscos laborais en Galicia

Cabecera-Diario-Oficial-Galicia_EDIIMA20121201_0107_13

 

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou onte unha orde que regula as axudas destinadas ao desenvolvemento de accións de fomento de prevención de riscos laborais en Galicia ao longo de 2015, cun orzamento de preto de 1,5 millóns de euros.

A convocatoria estrutúrase en dúas liñas. A primeira está destinada a programas de formación intersectorial en materia de prevención de riscos laborais de ámbito galego para asociacións patronais e organizacións sindicais de carácter intersectorial, cun importe de 300.000 euros; e a segunda, para outras accións de fomento da prevención de riscos laborais, cun orzamento de 1.170.000 euros. Desta última, poden beneficiarse fundacións sectoriais paritarias nadas da negociación colectiva ou de acordos sectoriais, organizacións sindicais e asociacións empresariais tanto de carácter sectorial como intersectorial, asociacións profesionais de traballadores e traballadoras autónomas.

Con estas axudas, os beneficiarios poderán desenvolver estudos e traballos relacionados coa seguridade e a saúde laboral de investigación e prospección para a análise da mellora das condicións de traballo en sectores concretos da actividade económica; de difusión, sensibilización e intercambio de experiencias; gabinetes técnicos sectoriais de difusión normativa e técnica; accións divulgativas de sensibilización para investimento específico en prevención de riscos laborais; e a realización de materiais e ferramentas prácticas para implantar actuacións nesta materia.

Pódense financiar con cargo a esta orde de convocatoria os gastos derivados de accións realizadas desde o 1 de xaneiro de este ano e ata que rematen, sempre que sexa antes do 31 de outubro. O prazo para a presentación de solicitudes será dun mes contado desde mañá. A presentación das mesmas realizarase unicamente por medios electrónicos a través do formulario dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.es