image_gallery

 

A conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera Álvarez, presentou esta mañá a Guía de axuda para programar os menús escolares no transcurso da I Xornada de Educación para a saúde na escola. No acto tamén estiveron presentes o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, e o seu secretario xeral técnico, Jesús Oitavén; o secretario xeral do Mar, Juan Maneiro Cadillo, a directora Xeral de Innovación e Xestión da Saúde Pública, Sonia Martínez Arca; e o xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Roberto Rodríguez Martínez.

A conselleira de Sanidade destacou que “o comedor escolar xoga un papel primordial xa que o 20% dos nenos realiza durante cinco días á semana a súa comida principal no centro de ensino, porcentaxe que aumenta ata o 32% no grupo de idade de 2-5 anos”.

Pola súa parte o conselleiro de Cultura e Educación salientou a colaboración de diferentes departamentos da Xunta de Galicia para mellorar un aspecto de tanta importancia na vida dos escolares como o equilibrio do menú.

Neste sentido Vázquez Abad lembrou ademais o importante incremento rexistrado desde 2009 no número de usuarios dos comedores escolares, un servizo que pasou de ser una necesidade derivada do mapa escolar – sobre todo no rural- a converterse nun mecanismo de conciliación da vida laboral e familiar. De feito, nos últimos seis cursos o número de usuarios medrou nun 20,46% nos comedores dependentes da Consellería, a cuxa xestión se destinan no presente exercicio máis de 28 millóns de euros, fronte aos 14 que dedicaba no ano 2006 o Bipartito. Deste xeito, un 78,1% dos usuarios teñen o menú gratis, o 5,3% paga 1 euro ao día e só un 12,3% paga o máximo de 4,5 euros.

A Guía recolle recomendacións xerais para elaborar o menú escolar; consellos, suxestións prácticas e ideas para cumprir coas recomendacións actuais das sociedades científicas; consellos de mellora de menús e propostas de solucións conexemplos prácticos; e fotografías como axuda para servir as racións axeitadas en función da idade de cada escolar. Esta publicación da Consellería de Sanidade pretende ser “un instrumento de apoio para os responsables do menú escolar” e ten como obxectivo “contribuír a mellorar a calidade nutricional dos menús escolares ofertados nos centros educativos”.

A Consellería de Sanidade tamén ofrece actividade formativa presencial como complemento á guía, así búscase o intercambio de impresións, abordaxe de problemas “in situ” e posibles solucións; tamén a axudar a comprender as recomendacións indicadas; e desenvolver destrezas e habilidades á hora de elaborar as programacións. Como contido desta formación complementaria destaca os principios básicos da nutrición infantil, e explicacións das recomendacións establecidas na Guía.

Ademais, durante a xornada fixéronse unha serie de recomendacións nutricionais na idade pediátrica; compartíronse experiencias exitosas na restauración colectiva na infancia e os modelos de intervención, como a iniciativa enfocada a integrar á familia no comedor escolar, para mellorar a oferta alimentaria no espazo escolar, ou o modelo de colaboración dende a administración pública mediante o acordo entre as Consellerías de Medio Rural e do Mar e Sanidade.

Tamén abordouse o coidado e calidade nutricional dende os servizos de catering e o programa Eu cociño, ti cociñas para aprender a comer ben a través da experiencia.