Riada Cidadá aborda o problema do peche dos comedores escolares en verán

RC_Comedores  

Riada Cidadá aborda o problema do peche dos comedores escolares en verán no seguinte comunicado:

Coa chegada das vacacións escolares preséntase o problema de como cubrir as necesidades dos nenos e nenas que pertencen a familias con déficit alimentario (ou posibles carencias alimentarias) como consecuencia do peche dos comedores escolares. A situación non se resolve simplemente recorrendo a caridade dos bancos de alimentos, política deseñada pola Xunta, senón incidindo nas causas da desigualdade social.

É prioritario que o Concello desenvolva actuacións específicas que vaian máis alá da beneficencia ben intencionada e potencie os traballos encamiñados a resolver as situacións de exclusión social, máis cando estas afectan aos máis pequenos.

Neste intre, é necesario que os servizos sociais do concello coordinen a información que, sobre a situación dos nenos e nenas e as súas familias, teñen os orientadores e os mestres, que son os primeiros en detectar estas situación, e se fora necesario, reforzar o servizo para que non se dea ningún caso de pobreza alimentaria.

É necesario transformar os campamentos de verán para que os nenos e nenas apuntados podan facer o almorzo e a comida durante as actividades programadas. O concello debe complementar e superar as políticas sociais restritivas que os gobernos do PP (Xunta e Goberno central) impoñen como mecanismos para saír da crise.

Os criterios burocráticos para poder percibir a RISGA (Renda de Inclusión Social de Galicia) son insuperables para a maioría dos que se atopan ao borde da marxinación.

Non se pode mirar para outra parte cando a poboación máis vulnerable abócase cara a indixencia.

También te podría gustar...