Publicada no DOG a convocatoria de Benestar de 600 prazas para estadías en balnearios dirixidas ás persoas maiores de Galicia

Cabecera-Diario-Oficial-Galicia_EDIIMA20121201_0107_13O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a orde que regula a convocatoria do programa “Benestar en balnearios” da Consellería de Traballo e Benestar co que se pretende contribuír ao mantemento da autonomía das persoas maiores, facilitándolles a posibilidade de gozar duns días de descanso, convivencia e tratamento termal, ocupando o seu tempo libre dun xeito activo e positivo.

Nesta ocasión convócanse un total de 600 prazas repartidas por toda Galicia. En concreto, nos balnearios de Acuña en Caldas de Reis (Pontevedra); Arnoia en Ourense; Augas Santas en Ferreira de Pantón (Lugo); Baños de Brea en Vila de Cruces (Pontevedra); Baños de Molgas en Ourense; Caldelas de Tui en Tui (Pontevedra); O Carballiño (Ourense); Carballo (A Coruña); Cuntis (Pontevedra); Laias en Cenlle (Ourense); Lobios (Ourense); Río Pambre en Palas de Rei (Lugo); e Termas Romanas de Lugo.

O prazo de presentación de solicitudes comezará mañá e rematará o próximo 14 de maio. Os interesados xa poden acceder á información e ao modelo de solicitude na web do departamento http://benestar.xunta.es/web/portal/portada-de-maiores

Esta iniciativa facilita ás persoas con menos recursos a posibilidade de disfrutar duns días de tratamento termal en balnearios emprazados en Galicia. A duración da estadía é de dez días (nove noites).

A mesma inclúe a estadía en habitacións compartidas, en réxime de pensión completa en balnearios, hoteis ou residencias; tratamento termal, segundo prescrición facultativa; e actividades de animación sociocultural.

Para participar nesta iniciativa é necesario ter máis de 60 anos ou 55 reunindo a condición de pensionista, residir en Galicia, valerse por si mesmo, non padecer enfermidade infecto-contaxiosa nin trastornos mentais ou condutuais.

Como novidade, este ano tamén poderán participar os fillos ou fillas ou as persoas tuteladas polas persoas solicitantes que teñan un grado de discapacidade igual ou superior ao 33%, sempre e cando o poidan facer sen necesidade de apoio de terceira persoa e se poidan desprazar con autonomía e compartan a habitación coas persoas proxenitoras.

As solicitudes poderanse presentar nas xefaturas territoriais e nos centros sociocomunitarios. No caso de que dúas persoas queiran acudir xuntas ao mesmo destino e quenda deberán presentar unha única solicitude para a súa baremación conxunta, acompañada da documentación que nela se indica.