Proxecto Silvan de intelixencia artificial para a prevención de incendios

  • A Deputación o presenta ante a Comisión Europea
  • O presidente da Deputación, Manuel Baltar, definiu esta iniciativa como “un claro exemplo na aposta pola liña da dixitalización emprendida co programa Ourense, provincia intelixente, neste caso aplicada a un dos grandes retos aos que temos que facer fronte como é a protección do noso medio natural fronte á lacra dos lumes 
  • Presentado hoxe ante os responsables comunitarios polo director da área de Transparencia e Goberno Aberto da Deputación, Fernando Suárez, o proxecto desenvolverase no Concello de Cualedro, unha das zonas de toda Europa máis afectadas por estes lumes, coa instalación de sensores que permitan recoller e procesar información en tempo real para axilizar a resposta dos servizos de extinción

 

A prevención de incendios forestais e a redución dos tempos de resposta aplicando sistemas de intelixencia artificial constitúen os obxectivos do proxecto Silvan, deseñado pola Deputación de Ourense e cofinanciado pola Comisión Europea no marco do programa Context Broker, que promove investimentos específicos en varias áreas, entre elas a dixital.

O proxecto Silvan, presentado hoxe ante os responsables comunitarios nun webinar no que participou o director da área de Transparencia e Goberno Aberto da Deputación, Fernando Suárez, baséase no uso de ferramentas de intelixencia artificial para a instalación de sensores que permitan monitorar o estado dos montes, recoller e procesar información en tempo real e xerar alarmas, utilizando para este fin tecnoloxías avanzadas como o procesado dixital de imaxes, o “internet das cousas” e mesmo drons. Un conxunto de sistemas que facilitará a prevención de incendios forestais e a redución dos tempos de resposta dos servizos de extinción.

Para as probas iniciais deste sistema, a Deputación de Ourense escolleu o Concello de Cualedro, que é unha das zonas de toda Europa máis afectadas por estes lumes. No caso de obter os esperados resultados, a institución provincial valorará a súa aplicación noutros puntos da provincia de Ourense con alta actividade incendiaria, promovendo a súa utilización como caso de éxito por parte da Comisión Europea.

O presidente da Deputación, Manuel Baltar, definiu esta iniciativa como “un claro exemplo na aposta pola liña da dixitalización emprendida co programa Ourense, provincia intelixente, neste caso aplicada a un dos grandes retos aos que temos que facer fronte como é a protección do noso medio natural fronte á lacra dos lumes”. Un xeito de demostrar como a tecnoloxía “pode axudarnos a alcanzar os obxectivos nos que traballamos nas administracións públicas desde os máis diversos ámbitos”.

No proxecto europeo Context Broker a Deputación de Ourense ten como socios ás cidades de Sevilla e Benidorm, que tamén veñen de apostar pola dixitalización con proxectos relacionados co seguimento e control de edificios históricos ou a súa aplicación en actividades de ocio activo e saudable.