Promoción do termalismo e da ‘marca Ourense’ en Termatalia 2016

  • A Deputación promove o termalismo e a «marca Ourense» en Termatalia 2016
  • A deputada provincial de Turismo participou na feira internacional de turismo termal que se está a celebrar en Coahuila, México

 

Ana Villarino en Termatalia 2016

Ana Villarino en Termatalia 2016

 

A deputada provincial de Turismo, Ana Villarino, participou en Termatalia 2016 que se está a desenvolver no Estado de Coahuila, en México, onde explicou aos alí presentes o «Plan Termal Provincial» de Ourense. Esta nova edición da feira internacional de turismo termal, baixo o lema «Naturalmente Saudable», reunirá desde o día 29 de setembro ata o 1 de outubro a máis de 200 expositores e a profesionais de máis de 35 países.

Trátase da única feira especializada en turismo de saúde e benestar que agrupa a Europa e América, e que converte, durante eses días, ao Estado de Coahuila no epicentro mundial do sector.

No marco da súa programación, a deputada provincial de Turismo ofreceu un relatorio sobre «Programas innovadores de Turismo social – Tren Balnearios». Nel, Ana Villarino dixo que o plan estratéxico termal trata de «poñer en valor turístico os recursos naturais e culturais de Ourense, estruturando a oferta, os recursos e os servizos, de tal forma que conduzan á creación do destino «Ourense, provincia termal».

Asemade, explicou as cinco liñas estratéxicas do Plan entre as que se atopa a planificación termal, que engloba a lexislación, a planificación e a xestión integrada que acolla a todos os axentes e ordene a cooperación público-privada. A segunda liña de traballo son as infraestruturas termais, tanto a súa mellora, a súa diversificación e creación, para que caractericen o destino, adaptadas ás súas contornas e contemplando as accesibilidades. Outro dos puntos a traballar son os produtos termais que engloben todos os potenciais recursos ourensáns, enfocados aos diversos segmentos da demanda. A cuarta liña estratéxica é o coñecemento termal (cultura, investigación e desenvolvemento termal), e por último, a promoción termal, na que se atopa a marca, a imaxe, a comercialización e a participación en redes.

Entre os produtos innovadores do Plan Termal, Ana Villarino centrouse no «Termalismo Social» a través do cal o goberno provincial, pon en marcha «Ourense, a provincia termal», que oferta estancias de 6 días/5 noites nos balnearios de Ourense en réxime de pensión completa, con 10 tratamentos termais e coa posibilidade de realizar o desprazamento en tren. «Trátase dun programa de termalismo saudable da Deputación de Ourense, unha estratexia de cooperación no ámbito público e o sector privado», destacou Ana Villarino.

Por outra parte, o xerente do Inorde, José Manuel Rodríguez, ofreceu un relatorio sobre o termalismo deportivo na provincia de Ourense, no que destacou este produto innovador, poñendo como exemplo como «deportes como remo, piragüismo, ciclismo, automobilismo, son canais que nos permiten dar a coñecer Ourense termal no mundo. De feito, equipos internacionais de remo e piragüismo fan os seus stages nos nosos balnearios, a través do CERLAC, Centro de Remo dependente do Inorde. Os balnearios de Arnoia e Laias e o club náutico de Castrelo de Miño, acolleron este ano ás seleccións de Holanda, Francia, Romanía, Bielorrusia, Australia, Bulgaria e España, ademais das Universidades de Reino Unido, encabezas por Oxford». Finalmente, a súa exposición rematou co vídeo de Ourensanía, que achegou a «Marca Ourense», a todos os alí presentes.

Real Banda de Gaitas

Por outra banda, o goberno provincial tamén estivo presente, no ámbito cultural, neste escaparate internacional de turismo termal, a través da Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense, que baixo a dirección do seu fundador e director, Xosé Lois Foxo, está a desenvolver unha intensa actividade que comezou o día 26 de setembro, coa actuación no programa Portafolio da TV RCG, en Coahuila.

A Real ofreceu, coa colaboración da Asociación de Empresarios e o Centro Galego de México, concertos na Escola de Música da Universidade Autónoma de Coahuila, no Museo das Aves, no Parque de España, e, no Teatro Isauro Martínez. Os concertos da Real Banda de Gaitas suscitan un gran interese no país, onde conta con numerosos seguidores e alumnos da Escola de Gaitas da Deputación que realizaron os estudos de gaita a distancia, polo que, con motivo da viaxe aproveitouse para facerlles entrega dos diplomas acreditativos.

O programa musical da Banda de Gaitas durante as súas actuacións, contou cunha ampla variedade, coas cancións Ourense no Solpor, Alboradade Veiga, Muiñeira de Chantada, Cantigas de Ourense, entre outras, e a través das cales, achegará aos emigrantes galegos á nosa terra. A Real regresará de volta a España o día 2 de outubro, e participará en Madrid, na gravación do programa Got Talent Spain.

 

También te podría gustar...