Promoción da natureza e a lingua galega no ‘Día da Auga, da Árbore e da Poesía’

  • Celebración do «Día da Auga, da Árbore e da Poesía» na Insua dos Poetas
  • A actividade ten como obxectivo promocionar a natureza e a lingua galega
Celebración do Día da Auga, da Árbore e da Poesía na Insua dos Poetas

Celebración do Día da Auga, da Árbore e da Poesía na Insua dos Poetas

 

O vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández, participou esta mañá no acto de celebración do «Día da Auga, da Árbore e da Poesía» na Insua dos Poetas, na Esgueva, Madarnás (O Carballiño). Esta actividade cultural organizada pola Fundación «Insua dos Poetas» pretende promocionar a natureza e a lingua galega. No acto tamén participou o presidente da Fundación Ínsua dos Poetas e do PEN Galicia, Luis González Tosar; o alcalde do Carballiño, Francisco Fumega; e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García.

A Deputación de Ourense colabora con esta actividade cultural que pon en valor a cultura galega, a lingua e a natureza, e que como dixo Rosendo Fernández parafraseando a Blas de Otero, «pido la paz y la palabra», «pido a palabra da Insua dos Poetas porque aquí a palabra é poesía, e hoxe que se celebra o Día da Saúde, tamén celebramos o Día da Auga, da Árbore e da Poesía». O vicepresidente da Deputación agradeceu a participación de todos os nenos e nenas alí presentes, así como aos seus profesores, e a Fundación «Insua dos Poetas», «porque entre todos estamos a facer futuro».

O condutor do acto, Luis González Tosar, narrou unha historia sobre o terreo da Insua dos Poetas centrada no personaxe dunha fada que encarna valores aos que animou, aos rapaces e rapazas, a compartir tamén: o respecto pola natureza, preservar o medio ambiente; a rebeldía, para que non acaten o que se lles di sen antes reflexionar; e a difusión destes valores entre o seu entorno, familiares e amigos.

Pero o presidente da Fundación «Insua dos Poetas» non só se referiu a natureza no seu discurso, senón que se lembrou da lingua galega e, seguindo coa historia afirmou «a fada fala galego pero é políglota, entende todas as linguas pero comunícase en galego», animando aos alumnos a que adopten este outro principio.

Pola súa banda, Valentín García aproveitou para alentar aos nenos e nenas a que respecten o seu entorno «tanto humano como afectivo, no que está a nosa lingua, e por iso temos que coidala tódolos días. O futuro dela e da nosa cultura, está nas vosas mans».

Á celebración asistiron alumnos e alumnas de todos os centros educativos da comarca do Carballiño, así como outros tres centros do Concello da Ribeira (IES Santa Uxía de Ribeira nº 1, o IES Leliadoura, e o Colexio Galaxia), coordinados polo IMER, que foron os colexios convidados este ano. Asemade estiveron acompañados polos profesores, familiares, e representantes institucionais e culturais da provincia de Ourense.

Os rapaces de cada colexio participante realizaron unha actuación entorno a unha árbore, sendo os encargados de poñer música, poesía e cor a esta celebración dedicada á natureza e á lingua galega. Posteriormente, como remate da actividade, os alumnos plantaron árbores de distintas especies (castiñeiro, bidueiro, carballo, freixo…) na Insua dos Poetas.

A Fundación «Insua dos Poetas», declarada de Interese Galego, ten como fins a promoción e o fomento da lingua e da cultura galegas, a defensa do medio natural e o diálogo entre natureza, artes plásticas e literatura.

También te podría gustar...