Programa pioneiro de asistencia rápida ás paradas cardiorrespiratorias fóra dos centros sanitarios

  • O Sergas, o 061, a SEC e a Cruz Vermella presentan un programa pioneiro de asistencia rápida ás paradas cardiorrespiratorias fóra dos centros sanitarios
  • O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, presentou o proxecto Acude e Axuda, realizado en coordinación entre a Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061 xunto coa Cruz Vermella de Galicia e a Sociedade Española de Cardioloxía
  • Formará a voluntarios en soporte vital básico que poderán ser mobilizados polo 061 para a atención directa ante a aparición dunha alerta ata que chegue a atención sanitaria
  • Tamén contará cun rexistro e localización dos DESA para achegalos polos voluntarios no menor tempo posible ao lugar da emerxencia

 

O Servizo Galego de Saúde, a través da Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia- 061 está a poñer en marcha o programa Acude e Axuda. O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, explicou que se trata dun proxecto realizado xunto coa Cruz Vermella de Galicia e a Sociedade Española de Cardioloxía para a atención precoz a todo o proceso de atención á parada cardiorrespiratoria fóra dos centros sanitarios -en lugares públicos- e realizado por voluntarios acreditados.

Ata o de agora, a aparición dunha persoa con formación en reanimación cardiopulmonar no lugar do evento antes da chegada dos medios sanitarios era unicamente fortuíta. A coordinación a través do voluntariado dunha organización con experiencia como a Cruz Vermella fai que os tempos podan reducirse e con isto incrementar as posibilidades de supervivencia do paciente.

Neste sentido, Vázquez Almuiña salientou que o 061 atende cada ano en Galicia arredor de 780 incidentes por morte súbita ocorridos fóra do hospital; e que nestes casos a probabilidade de supervivencia en persoas que foron reanimadas con masaxe cardíaca se duplica fronte a aqueles aos que non se lles aplicaron técnicas de reanimación cardiopulmonar.

Isto, afirmou, sumado ás características poboacionais e orográficas da Comunidade Autónoma -con altas cifras de dispersión-, fai que a formación en técnicas de soporte vital básico e que a cidadanía conte con ferramentas que faciliten intervencións efectivas nestas situacións resulta imprescindible.

O proxecto Acude e Axuda pretende rematar cun rexistro de persoas formadas en soporte vital básico para poder ser activadas en caso de estar próximas a un evento; así como un rexistro e localización dos desfibriladores semiautomáticos (DESA) para achegalos no menor tempo posible á persoa que o precisa.

Trata fundamentalmente de coordinar a persoal voluntario, inicialmente a rede de voluntarios da Cruz Vermella, que recibirán un aviso vía aplicación de smartphone por parte do 061 ante a aparición dunha alerta de parada cardíaca. A coordinación inclúe as decisións para mobilizar aos voluntarios máis próximos ao evento, tanto para a atención directa á parada como para recoller un desfibrilador na zona. Todo elo, por suposto, ata que cheguen os servizos sanitarios do 061.

Presentación

Presentación

 

Proxecto piloto en Santiago de Compostela

Jesús Vázquez Almuiña destacou que o seu departamento valorará o proxecto piloto na cidade de Santiago, iniciado o pasado mes de outubro, coa idea de extendelo ao resto de Galicia. A app é un sistema de comunicación en tempo real cos voluntarios no ámbito inicial da cidade para ofrecer unha atención básica integral á parada cardiorespiratoria.

Está baseado na rede de voluntarios formados de Cruz Vermella e xestionada en torno a unha aplicación do teléfono móbil que permite a mensaxeiría de alertas e a xeolocalización de voluntarios e dispositivos; que estarían en permanente comunicación e coordinación coa central de Urxencias Sanitarias de Galicia-061.

O proceso se activaría cando se chama ao 061 (dende a app ou ben dende un móbil) por un paciente con parada cardíaca. Na central do 061 recíbese a chamada, localízase ao paciente e envíase a ambulancia. En paralelo, o 061 inicia a localización de voluntarios e DESA máis próximos; o voluntario recibe o aviso e segue as indicacións do 061, recolle o DESA e chegan ao lugar da parada ao tempo que se aproximan os recursos do 061 para realizar a RCP.

O desenvolvemento da app utilizada nesta iniciativa enmarcouse nos programas Innova Saúde e Hospital 2050, que buscan seguir modernizando a sanidade pública galega.

Máis información sobre a parada cardiorrespiratoria

De todas as situacións de emerxencia, a parada cardiorrespiratoria (PCR) representa o paradigma no que a actuación precoz e con medios axeitados condiciona o prognóstico en canto á recuperación da vida e a minimización das posibles secuelas.

Durante o ano 2015, rexistráronse un total de 673 RCP que foron realizadas polos recursos de soporte vital avanzado ou soporte vital básico (DESA) de Urxencias Sanitarias de Galicia-061.

As causas máis frecuentes da parada cardiorrespiratoria nos adultos son a fibrilación ventricular e a taquicardia ventricular sen pulso, e teñen como único tratamento a desfibrilación eléctrica. Nestas situacións a dispoñibilidade inmediata de medios técnicos -os desfibriladores- e humanos -os voluntarios- resultan imprescindibles para abordar con éxito as manobras de reanimación, co apoio das Urxencias Sanitarias garantindo a continuidade asistencial.

También te podría gustar...