Programa Cultural da Cidade da Cultura 2016: participarán 120.000 persoas

  • A Cidade da Cultura desenvolverá este ano 200 actividades culturais e un intenso programa de accións para apoiar a 6.000 emprendedores
  • O Programa Cultural da Cidade da Cultura para 2016, que prevé actividades nas que participarán 120.000 persoas, suporá a contratación de 136 empresas galegas, contribuíndo á dinamización do sector cultural
  • A Cidade da Cultura potencia a internacionalización da cultura galega con eventos como o WOMEX 2016, a itinerancia da exposición sobre José Suárez, a participación na Feira do Libro de Bos Aires e a exportación de eventos a outros países de América Latina, como o ‘Encontro de Artistas Novos’
  • O Gaiás consolidará a súa aposta polo emprendemento acollendo o Spin, o maior evento de emprendemento universitario de Iberoamérica, as charlas TEDxGalicia e un amplo programa de iniciativas para apoiar a creación de empresas
Noticias Valdeorras na obra “SINGULARIDADE da Cidade da Cultura en Santiago de Compostela. Angeteco 2015

Noticias Valdeorras na obra “SINGULARIDADE da Cidade da Cultura en Santiago de Compostela.
Angeteco 2015

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria anuncia que a Cidade da Cultura, na súa triple liña de traballo no eido da cultura, a tecnoloxía e o emprendemento, desenvolverá este ano 200 actividades culturais nas participarán 120.000 persoas e organizará un programa de accións destinadas a impulsar o emprendemento en Galicia que permitirá apoiar a 6.000 persoas.

O Gaiás será de novo escenario de eventos de dimensión internacional, como o WOMEX 2016, a feira de ‘world music’ máis importante do mundo, ou o Spin’16, o maior evento de emprendemento universitario de Iberoamérica, no que participarán un centenar de universidades de España, Portugal e América Latina.

Este programación permitirá dinamizar o sector cultural, coa contratación de 136 empresas galegas, e contribuirá a impulsar o tecido artístico a través da organización de eventos como o festival ‘Escenas do Cambio’, que tivo lugar no mes de xaneiro e febreiro, a sexta edición do ‘Encontro de Artistas Novos’, que este ano se adianta a finais de agosto, ou o ciclo ‘Atardecer no Gaiás’, nos que artistas e bandas galegas teñen unha posición protagonista.

Programa expositivo O programa expositivo do Museo Centro Gaiás iniciou este ano coa mostra ‘José Suárez. Uns ollos vivos que pensan’, que prepara a súa saída a Arxentina en abril, como un dos eventos da Feira do Libro de Bos Aires, este edición dedicada á cidade de Santiago. Tras esta mostra, a Cidade da Cultura porá a foco sobre a moda e o textil galego, sector no que traballan 13.000 persoas en Galicia. A mostra ‘Con-fío en Galicia’, aberta ao público do 11 de marzo ao 11 de setembro, destacará a creatividade e a excelencia empresarial da moda galega, con nomes como Inditex, Adolfo Domínguez, Sociedad Textil Lonia, Roberto Verino, Florentino, Caramelo, Kina Fernández, Sara Coleman, Eva Soto, José Castro ou Jorge Vázquez.

A exposición dedicada a conmemorar o centenario do nacemento do Premio Nobel de Literatura Camilo José Cela será outro dos momentos centrais da programación cultural de 2016. A mostra, que chegará ao Museo Centro Gaiás procedente da Biblioteca Nacional de Madrid, será inaugurada o 11 de novembro e estará aberta ata o 19 de febreiro de 2017. Co título ‘CJC 2016. O centenario dun Nobel’ exhibiranse 300 pezas que permitirán recorrer a biografía e o universo literario do escritor galego.

A Biblioteca e Arquivo de Galicia continuará coa súa actividade expositiva, na que ocupará un espazo protagonista a mostra do fotógrafo Xurxo Lobato ‘Rostros dun país’, que se presentará unha escolma de retratos creativos de persoas que trunfan nas súa respectivas áreas. Esta mostra abrirase ao público o 15 de xullo e pecharase o 18 de setembro.

No seu obxectivo de pór en valor os seus fondos, a Biblioteca e o Arquivo organizará preto dunha decena de mostras. O programa expositivo contará cunha intervención da artista Sonia Navarro Peralta nas Torres Hedjuk. As Hedjuk serán tamén o espazo onde intervirán os artistas Miguel Benjumea e Román Corbato, gañadores do concurso de proxectos do Encontro de Artistas Novos 2015.

Coa próxima apertura en primavera do Bosque de Galicia, a Cidade da Cultura porá en marcha tamén una serie de actividades que terán como obxectivo dinamizar este novo espazo. No programa deste ano prevese a organización de visitas didácticas para coñecer máis de preto esta área verde da cidade.

También te podría gustar...