1 2015 MB reunin Dpou e Concello OU 270115

 

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e representantes da institución provincial e do Concello de Ourense mantiveron hoxe a primeira reunión de traballo sobre a estratexia provincial de fondos europeos, que ten como obxectivo traballar para presentar unha iniciativa integral de provincia para desenvolver proxectos en catro áreas prioritarias como son: “Competitividade Ourense”, “Ourense provincia intelixente”, a “Axencia da Enerxía e do Medio Ambiente” e o Plan “Ourense, a provincia termal”.

Na anterior xuntanza, a Deputación ofrecéralle ao concello de Ourense a posibilidade de incorporarse á estratexia de consecución de fondos comunitarios, convite que foi aceptado polo Concello, e a Deputación convocou para hoxe a primeira reunión de traballo para facer partícipe á administración local da capital ourensá dos catro proxectos nos que se está a traballar, sendo o Plan Termal o tema que máis interese suscita no Concello de Ourense.

Na reunión de hoxe, unha comisión integrada por representantes de ámbalas dúas administracións: o deputado provincia de Termalismo, Argimiro Marnotes, e o xerente do Inorde, José Manuel Rodríguez, por parte da Deputación, e o concelleiro de Facenda, José Ángel Vázquez Barquero, e a xefa de servizo de Formación Ocupacional e Emprego, Susana Calvo, por parte de Concello de Ourense, reuníronse no Centro Cultural “Marcos Valcárcel” para poñer en común a estratexia a desenvolver. Manuel Baltar trasladoulles que este é “un escenario de colaboración aberto e dinámico no que aceptaremos calquera suxestión que redunde en beneficio dos interese da provincia, que son coincidentes cos da capital”.

Baltar salientou que a boa disposición “é a característica fundamental deste encontro”, ao que seguirán outros cunha periodicidade de 15 días, sendo o vindeiro no Concello de Ourense, “porque a celeridade é unha consecuencia positiva deste proceso”. A Deputación de Ourense pretende ser o primeiro goberno provincial de España en aprobar unha estratexia de colaboración como na que se está a traballar, “estratexia que será máis completa coa colaboración do Concello de Ourense e permitirá acadar unha candidatura que terá moita máis forza”.

A Deputación de Ourense asume o seu papel coordinador e de ente supramunicipal e é consciente da importancia de aglutinar aos 92 concellos da provincia. Se ben, todos os concellos teñen o seu papel por igual, o concello de maior peso e poboación da provincia é o Concello de Ourense, capital da provincia.

A Deputación afronta o novo período de financiamento europeo como unha oportunidade para impulsar os cambios postos en marcha nos últimos anos, así como para consolidar un novo modelo de Administración Local máis áxil, eficiente e sostible. Neste senso, a Deputación está a traballar para optimizar o acceso e a utilización dos fondos e os resultados que finalmente se alcancen. Este traballo estase desenvolvendo dende a óptica da anticipación, tanto á hora de planificar como de implementar iniciativas que poidan converterse nun referente para outras administracións locais.