Primeira reunión da Deputación en Expourense tralo reingreso no Padroado da fundación

1 1 1 2015 MB e Expou

 

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, participou hoxe na reunión do Comité Executivo de Expourense, primeira xuntanza á que asiste desde o reingreso da institución provincial, con carácter permanente, ao Padroado da fundación Feiras e Exposicións de Ourense, tal e como anunciara Baltar no pleno sobre o Estado da Provincia. Na súa reincorporación a Expourense, a Deputación de Ourense achega 70.000 euros, aos que hai que sumar outros 50.000 euros que a institución provincial achega para actividades de promoción económica e termal.

Na reunión, o presidente provincial expresou o interese «por afondar nunha colaboración mutua entre ámbalas dúas institucións, pois Expourense coa Deputación é outro Expourense, e as dúas defendemos o interese común da nosa provincia, de aí a necesidade de seguir cooperando coa máxima eficacia, porque só cunha axenda institucional forte e comprometida acadaremos o obxectivo que todos nos fixamos que non é outro que o mellor para a provincia de Ourense».

Manuel Baltar xa formara parte do Padroado de Expourense na súa etapa de delegado provincial de Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria da Xunta de Galicia, comprobando in situ o nacemento e evolución de proxectos que hoxe están plenamente consolidados como «Xantar», en cuxa edición de 2015 Baltar presidiu o día dedicado ao cooperativismo e á enoloxía.

Precisamente, nesta liña de colaboración, recentemente Manuel Baltar e Juan Carlos Parada, vicepresidente executivo de Expourense, asinaron un convenio de colaboración entre ámbalas dúas entidades para levar a cabo actividades de promoción e difusión en favor de iniciativas económicas, sociais, termais e turísticas relacionadas coa provincia de Ourense.

O acordo contempla que a Deputación de Ourense achega á Expourense 50.000 euros para colaborar no desenvolvemento dos seguintes eventos: Foro da Comunicación (10.000 € en 2014 e 2015), o Concurso de Proxectos Tecnolóxicos (3.000 € en 2014 e 2015), Vinis Terrae (20.000 € en 2015), Nortrans (7.000 € en 2015), e Termatalia (10.000 € en 2015), mentres, pola súa banda, Expourense facilitará á institución provincial o uso das súas instalacións, de acordo coa súa dispoñibilidade e o calendario de feiras e eventos da fundación, e cederá espazo para o stand institucional do Inorde en todas as feiras que se celebren durante o período de vixencia do presente acordo.