Preto de 120 persoas participarán na segunda edición do programa de cooperación interuniversitaria ‘Iacobus’

xunta de galiciaA Agrupación Europea de Cooperación Territorial (AECT) vén de informar da resolución das solicitudes da última convocatoria do programa de cooperación interuniversitaria da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, ‘Iacobus’, na que resultaron beneficiadas un total de 119 persoas.

Esta é a segunda convocatoria do programa, destinado á cooperación cultural, científica e pedagóxica entre universidades, en base ao Protocolo asinado este mesmo ano entre os centros de Ensino Superior da Eurorrexión. A primeira edición tivo lugar o pasado verán e nela seleccionáronse outros 118 candidatos que están xa a rematar as súas estadías.

A nova convocatoria está dotada con 100.000 euros e recibiu 223 solicitudes procedentes das tres universidades galegas (USC, UDC e U-Vigo) e dos oito centros portugueses, que son as universidades de Minho, Trás-os-Montes e Alto Douro, Porto e Católica Portuguesa, ademais dos institutos politécnicos de Porto, Viana, Bragança e o do Cávado e Ave.

Como na primeira convocatoria, existe unha grande diversidade entre os beneficiarios, xa que entre eles se atopan 64 docentes e 24 membros do Persoal de Administración e Servizos, coñecidos como PAS. Ademais, tamén resultaron seleccionados un total de 31 investigadores, algúns deles alumnos de terceiro ciclo ou bolseiros post-doctoroais.

Dos 119 seleccionados, 67 teñen como orixe as universidades galegas e 52 proveñen de Portugal. Dentro das universidades galegas, a UVigo conta con 29 candidaturas aprobadas, mentres que a USC ten 21 e a UDC 17. Doutra banda, a Universidade de Vigo recibirá 29 seleccionados lusos, mentres que a USC acollerá a 16 e a da Coruña 7.

A selección dos beneficiarios correu a cargo da Comisión de selección presidida pola Oficina de Cooperación da Eurorrexión (AECT Galicia – Norte de Portugal) -entidade xestora deste programa e da que forman parte a Xunta de Galicia-, a Comisión de Coordinación e Desenvolvemento Rexional do Norte de Portugal e a Fundación CEER, en representación das Universidades da Eurorrexión.

Unha integración interrexional

O programa ‘Iacobus’ xurdiu coa intención de dar un paso máis de cara a configurar un auténtico espazo de integración interrexional entre as Universidades e os Centros de Ensino Superior da Eurorrexión Galicia -Norte de Portugal. Esta iniciativa -pioneira no continente europeo- conta co apoio da Unión Europea, quen contribúe ao seu financiamento a través do Programa Operativo de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal (POCTEP), e ten como obxectivo principal fomentar a cooperación e a mobilidade académica no espazo universitario luso-galaico para promover a posta en común de proxectos formativos e de investigación.

También te podría gustar...